Martín Iglesias: «Xuntáronse a preparación e a sorte»

O noiés busca seguir medrando nas artes marciais e soña con formar parte da selección española


Ribeira / la voz

Martín Iglesias Rial (Noia, 1999) comezou a formar parte do ITF Noia sendo un neno. Taekuondo e kick boxing foron as súas disciplinas predilectas, onde amosou ao mundo o seu talento innato. O barbancés vén de alzarse campión da Liga Nacional de Kick Boxing, éxito que lle dá pulo para os retos que ten por diante.

-Felicidades polo título. Como foi o camiño para acadalo?

-O certo é que estou moi contento, non mo esperaba. Era unha liga de varios torneos ao longo deste ano, neste caso foron cinco xornadas. Cheguei á última en terceira posición e pensei, a ver se me manteño aí, pero saíume todo perfecto. Competín en cinco categorías e remontei.

-Cinco categorías? Non supón moito desgaste?

-[ri] Foron ao longo de todo o día, con asaltos de un minuto e medio. Hai desgaste, pero saíu todo redondo, que fora mellor sería imposible.

-Como preparou a tempada?

-Cheguei nun bo momento, porque xa viña de disputar o Mundial de Taekuondo ITF en agosto. Neste caso tiven fortuna nos cruces e nos combates. Xuntáronse a preparación e a sorte.

-Destacou no kick boxing, pero o seu é o taekuondo, non?

-Comecei no taekuondo no 2005, con 6 anos. E ata o momento nunca parei, sempre estiven competindo e adestrando.

-E en que disciplinas compite?

-Estou en taekuondo ITF, kick boxing, e logo en especialidades como loita en tatami e ring.

-Cal lle chama máis?

-O combate de taekuondo. No kick boxing, a modalidade que máis me gusta é a de light contact, que é máis parecida ao outro. Non se empregan tanto os puños e penalízanche menos se saes do tatami.

-Chámame a atención a importancia da filosofía na práctica das artes marciais.

-Para nós, é unha parte moi importante. No que máis nos esforzamos é en transmitir os valores de cortesía e integridade. Na competición tamén se ven. Ca xente ca que mellor te levas é ca que máis pelexas.

-Pecha a tempada, cales son os obxectivos para a seguinte?

-Para min, a meta máis grande é entrar na selección española, vou intentar acudir a torneos internacionais porque contan moito de cara ao combinado nacional. Despois tamén quero gañar o campionato de España.

-Tamén estivo no Mundial. Que tal lle foi?

-Participei en dúas modalidades, en combate e en formas. Nesta última pasei a primeira quenda contra Hong Kong, e caín na seguinte contra Rusia. En combate gañei dúas quendas, e perdín en oitavos contra Bulgaria. Foi unha boa experiencia para seguir sumando, para ver o nivel internacional e para comprobar onde me atopo.

-Que opina da división entre o taekuondo olímpico e o ITF?

-Penso que é unha parvada, ao final é todo política. Existe un problema, que son dous taekondos diferentes, con distintas formas de pelexar. Pero estaría ben xuntalos, cada un mantendo as súas regras, pero todos na mesma federación.

-Como debe ser un bo loitador?

-Ao final, os que gañan son os que teñen a cabeza fría. Precisas axilidade, pero tamén forza e boa forma física.

-Que saúde lle ve ao ITF Noia?

-Pois creo que é unha das escolas con máis rapaces pequenos, e a impresión dos pais é boa. Non só se pensa en competir, senón en que aprendan a ser disciplinados, atentos e a respectar ao resto de compañeiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Martín Iglesias: «Xuntáronse a preparación e a sorte»