A patafísica

 francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

07 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro un día moi divertido vendo un programa de televisión no que varios entendidos falaban sobre a aparición dunha Virxe, asegurando unha das videntes que con aquela viñera o Espírito Santo para acompañala; e cando un sacerdote presente no programa lle dixo que era imposible, porque o tal Espírito non se pode ver, ela contestou rotundamente que claro que o veu e era unha pomba. A ver que clase de cura era aquel que non sabe como é o Espírito Santo.

No mundo da ciencia, ninguén confunde o elemento real coa súa representación, distínguese moi ben entre o símbolo e o simbolizado, aínda que ás veces, tamén hai reputados científicos sacando hipóteses, teoremas e ata leis divertidas e sen fundamento, coa única idea de pasar un momento distendido (algún día contareivos de que vai a Quinta Lei da Termodinámica). A nivel moi pseudocientífico hai en distintas páxinas, virtuais e de papel impreso asinadas por reputados físicos, coa explicación e o cálculo para demostrar que a temperatura do ceo (non confundir co firmamento) alcanza os 525º centígrados e a do inferno a moito máis prosaica de tan só 444,6º, que vén sendo a de ebulición do xofre; co que, de ser certo queda demostrado que o ceo é máis tórrido ca o inferno. Claro que, para darlle valor a estes datos, antes debemos estar seguros de que existen o inferno e o ceo.

Na literatura as leis, teoremas e hipótese da ciencia xa cobran outra dimensión e provocan certos remorsos por moita que sexa a seriedade con que son presentadas, máis aínda cando o escritor é un surrealista como Alfred Jarry, quen nos presenta nunha novela de 1911, definida como «neocientífica» (case nada), ó seu doutor Faustroll, licenciado en patafísica, a ciencia que, en palabras do autor, está dedicada, entre outras cousas, ó estudio das leis que regulan as excepcións. Aí queda iso.

Unha ciencia así, tamén definida polo mesmo Jarry como a das solucións imaxinarias, non tardou en ter adeptos e fundar o seu propio colexio profesional, no que figuraron persoeiros tan reais como Ionesco, Genet, Miró ou Fernando Arrabal.

Nesa novela de Jarry, o seu protagonista, chega a calcular a superficie de Deus (nin a altura nin o peso, a superficie), a partir do símbolo que o representa: o triángulo. E como ese cálculo, igual que o do inferno ha de ter como premisa previa a seguridade da súa existencia, entendemos que Faustroll era crente. Sen embargo, como podedes imaxinar, o tal cálculo é puramente teórico, como teórica é a forma que adquire Deus diante dos ollos humanos pois aínda sabendo que das tres persoas que o forman, o Espírito Santo é unha pomba e o Fillo o único que vestiu e calzou coma calquera de nós, do Pai só sabemos como é pola libre imaxinación dos pintores e escultores que lle dedicaron tempo, unhas veces gordo e outras máis delgado segundo fose Rubéns ou o Greco o retratista; e por iso, baseándose na forma da súa icona máis común, o triángulo equilátero, no que as tres persoas forman un único elemento, e aplicando as fórmulas da trigonometría, a patafísica do doutor Faustroll chega á conclusión de que Deus é un punto definido como a tanxente de cero e de infinito.

Confésovos que as miñas matemáticas non dan para tanto e non me saen os números, pero supoñemos que o doutor Faustroll tras tan exhaustivos cálculos volveríase ateo.