Antonio González Millán: «Cando un le este libro non le á tradutora, está lendo a Valle-Inclán»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

«O meu bisavó» é o primeiro texto traducido dunha serie titulada «Arcas de Bradomín»

05 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu bisavó é a primeira tradución ilustrada ao galego dun texto de Ramón María del Valle-Inclán, pero non será a única. O coordinador do proxecto e director do museo da Pobra que leva o nome do creador do esperpento, Antonio González Millán, explica que «este é o primeiro volume dunha serie de relatos titulada Arcas de Bradomín». O título non é casual, xa que «Bradomín é un topónimo inventado por Valle-Inclán, que fai referencia á paisaxe en obras con ambientación ou accións en Galicia. E o das arcas porque, dende a prehistoria, son os baúis que gardan lendas, tradicións e mitos da cultura popular galega. Víñanos perfecto para bautizar a serie», comenta González Millán.

O texto traducido é un conto breve que se publicou por primeira vez no ano 1914 e ten como escenario Santa María do Caramiñal e a súa contorna, e a torre de Bermúdez. «Xa que somos promotores dende o museo e temos un clásico literario inspirado na Pobra e no que hoxe é o seu museo, por iso a escollemos», relata Antonio González.

Anos de traballo

Para chegar ao resultado final hai moito traballo detrás. Xunto con González Millán traballaron a tradutora Rocío Vieites, o ilustrador Héitor Picallo e seu irmán Martiño, no apartado gráfico: «Como promotor, propuxen o proxecto á Xunta. Temos que agradecer a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que o financiou ao cen por cento». Como asegura o director do museo Valle-Inclán, «este non é un proxecto ao azar. Estivo madurando dous anos. A tradución fíxose respectando exactamente o espírito do texto. Cando un le este libro non le á tradutora, está lendo a Valle-Inclán, e iso leva tempo». Rocío Vieites tivo que recorrer a dicionarios de galego dos anos 30 para «respectar formas que xa non existen, pero que seguen a ser válidas».

No apartado da ilustración, «a Héitor Picallo dixémoslle que non queriamos fotos de sucesos; o que pretendiamos era que fixera suxestións ao público con imaxes icónicas do que pode ser ese relato».

Así, logrouse un resultado apto para todos os públicos e dirixido especialmente á mocidade: «É moi atractivo, tanto de forma visual como polo seu formato. Ten un tamaño de texto axeitado e unha boa decoración. Xogouse coa vistosidade da publicación e coidouse a excelencia da adaptación, respectando o orixinal», comenta González Millán.