Os Nobel

 francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

«Non vou falar do Nobel de literatura, sempre o máis polémico e inesperado de cantos se conceden cada ano, xa sexa por comunista ou por facha, por coñecido ou non. Incluso máis polémico co da paz cando llo deron a Obama ou a Kissinger»

26 oct 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Non vou falar do Nobel de literatura, sempre o máis polémico e inesperado de cantos se conceden cada ano, xa sexa por comunista ou por facha, por coñecido ou non. Incluso máis polémico co da paz cando llo deron a Obama ou a Kissinger. Nin os descubridores das vitaminas, os raios catódicos, o láser, as comunicacións inalámbricas, o transplante de vasos sanguíneos e toda esa lista de avances que nos fan máis doada a vida tiveron a mesma ou similar relevancia ou protagonismo no seu día grande. Tampouco todos os Nobel teñen o mesmo valor.

Xa pasou a semana dos anuncios para darlle paso ás dúbidas, críticas e xustificacións. Aínda queda por diante máis dun mes para preparar os smókings e os flashes e eu seguirei preguntándome por que non llo deron a este ou a aquel. Cada quen ten o seu preferido, e se unhas veces festexamos a elección, este ano xa saltaron voces escandalizadas preguntándose a quen se lle ocorreu premiar a Handke despois do que dixo ou fixo.

O certo é que a Academia sueca, neste apartado dos seus prestixiosos premios parece que sempre quere dar a nota. Non hai máis que ver quen gañou e quen non ó largo da súa historia. Non pretendo dicir que os premiados non o merezan, pero as faltas rechían máis ca uns gonzos oxidados, porque, aínda que moitos celebramos o de Saramago como se fose galego, non sabemos por que Lobo Antunes, un dos poucos autores vivos incluídos na biblioteca Pléiade en razón á calidade da súa obra, segue nas listas de candidatos per vitae aeternae; como segue Méndez Ferrín, agardando que con el se recoñeza o valor da literatura en galego, de cuxa calidade xa non hai dúbida. Pero sen outro apoio por parte de quen di velar pola cultura máis ca cunha foto en determinado día, non será difícil ver antes a calquera rara avis dándolle a man ó rei de Suecia, mentres as mellores obras do noso país acaban no contedor de reciclaxe de papel. Xa sei que estou pedindo un imposible, pero a quen non lle gustaría oír falar en galego no pazo real de Suecia?

Tampouco sei para que serve realmente o Nobel. Por veces parece que é algo semellante a eses premios que teñen a algunha editorial mangoneando, só para promocionar á súa xente, vender papel e facer caixa, mentres médicos, físicos e químicos son relegados a un lugar de comparsa.

Este ano as ciencias premiaron ós deseñadores das baterías de litio que todos usamos desde hai máis de trinta anos, os que atoparon o mecanismo polo que as células captan o osíxeno, que tanto axuda no control de procesos canceríxenos e no deseño de medicamentos máis eficaces e menos agresivos, e para recoñecer a importancia do descubrimento de exoplanetas e os primeiros momentos do universo, e así entender desde e ata cando e por que existe este noso mundo, pero a poucos días de facerse público o nome dos galardoados, xa ninguén se lembra de como se chaman. O dito, non todos os Nobel teñen o mesmo valor.

Así é que non quero falar do Nobel cando se converte nun espectáculo ou nun motivo de decoración de librerías; pero si cando falamos das obras que nos amosan a condición humana e nos axudan a entendela, destes escritores e científicos cuxo labor vai por diante deles. De quen desde o seu laboratorio, escritorio ou cátedra universitaria, traballa, ensina e dános o froito das súas investigacións sen agardar medallas nin palmadiñas.