Logo dun curso en Canadá, regresou ao Aguiño, co que marcou catro goles na última xornada de competición
02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Rut Castro González (Carreira, 2002) é unha desas rapazas que veñen a comerse o mundo. Logo de estudar o pasado ano en Canadá cunha beca, afronta o seu segundo curso de bacharelato coa mirada posta na universidade. Saca tempo para traballar en hostalería e un poco máis para a súa gran paixón, o fútbol. Contra o Nicrariense, a extremo fixo catro tantos que a colocan como pichichi da categoría.
-Como ten tempo para todo?
-Axustando os horarios. No instituto vou ben, compaxino os estudos co traballo, e ademais os xefes danme liberdade para ir a adestrar. Eu se quedo sen fútbol, mal asunto.
-Dixéronme que estivo en Canadá o pasado ano.
-Sí, cunha beca de Amancio Ortega. Alí tamén xogaba. Íamos a Míchigan, a xogar a liga estadounidense. É moito máis físico, eran rapazas da miña idade e dun ano máis. Aquí, a partir dos 12 anos entramos todas no mesmo saco. Iso si, temos compañeiras de moita experiencia, e no fútbol tes que ser intelixente. Alá prímase un xogo máis directo. Mátaste a correr.
-Toleabas da cabeza.
-Poñíame nerviosa. Preguntaba se tiñan presa. Tiven que prepararme, dábanos clase unha muller que tamén estaba con militares. Iso si, facíamos cambios como no fútbol sala. Entrabas, dabas o máximo e logo outra.
-Foi unha boa experiencia.
-Moi boa, tiven que pasar un proceso entre 10.000 persoas, e só había 80 prazas. A familia de acollida tratoume moi ben. Non puiden estar mellor.
-E ao rematar bacharelato?
-Quero facer un dobre grado, de filoloxía inglesa e interpretación. Tería que estudar en Santiago e despois dous anos máis en Vigo. Tiven a opción de quedar en América. Fomos a un torneo e había moitos adestradores mirando para fichar xogadoras. Dixéronme que era diferente, que xogaba coa cabeza. Mandáronme unha oferta. A universidade custaba 30.000 dólares ao ano e eu tería que pagar 5.000.
-Non lle convenceu.
-Tiña que pasar catro anos alá e pensei que ao volver xa non me coñecería ninguén. Un ano si, pero catro? Dinlles as grazas, preferín quedarme. Estou co Aguiño e mellor non me pode ir.
-Fixo catro goles nun partido...
-Non me acordo nin como foron [rí]. O primeiro tardou moito en chegar. A porteira do Nicrariense fixo un partidazo. Non sei cantas me parou, pero algún tiro foi contra o boneco [rí].
-Cal e o obxectivo deste ano?
-Teño entre cella e cella gañar a liga. Calquera quere quedar o máis arriba posible, pero co equipo que temos sorprenderíame non ascender. A ver se non hai lesións e podemos facer unha boa campaña.
-E como ve o fútbol feminino?
-Despois de estar en Canadá non che podo dicir que aquí está ben. O raro alá é que os rapaces xoguen, e non que o fagan as rapazas. Aquí xa che din que es un macholiño, pero simplemente somos mulleres ás que nos gusta xogar ao fútbol. Eu animo a todas as rapazas a xogar. Cada un debe facer o que lle dea a gana.
Corta e ao pé
Un xogador: Yago Aspas e Ángela Sosa
Un estadio: Camp Nou
Un gol: O de Messi contra o Betis da temporada pasada
Un adestrador: Pep Guardiola
Unha ídola: Jenni Hermoso
Unha película: Los juegos de hambre
Un lugar: O Vilar
Unha comida: Arroz á cubana
Un soño: Poder traballar do que me gusta e compaxinar co fútbol
Un equipo de lenda: O Barsa de Xavi, Iniesta e Ronaldinho
Un deporte que non sexa o fútbol: Baloncesto
Unha canción: Pequeña gran revolución, de Izal