Contras

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

10 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En Galicia, as xanelas sempre se colocaron enrasadas coa fachada para evitar os remuíños de vento no oco, para que a auga empurrada polo vento pase de longo sen parar, e durante centos de anos protexeron aos galegos das duras condicións climatolóxicas. As contras, fieis compañeiras das xanelas, sempre se colocaron en Galicia no interior do oco ou no interior da propia ventá, formando unha peza conxunta.

Pola noite permiten escurecer o cuarto na medida que ás persoas lles resulte máis cómodo e para erguerse pola mañá, coa alborada, en panos miúdos, pódense abrir mantendo pechada a xanela, para permitir a entrada de luz sen arrefriar a casa, quente da noite. A contra permite xirar o ángulo necesario para entrar a luz desexada, sempre en vertical, que é como chega ao fondo dos cuartos. Na súa contorna nace o parladoiro ou namoradoiro.

Aínda que a persiana foi inventada en Persia hai moito tempo, chegou a Europa no século XVIII e comezouse a fabricar en Londres, pero a Galicia chegaron nos anos 70. Non foi pensada para o noso clima, pero popularizouse de contado, fagocitando ás contras. Por eficiencia térmica débese colocar no interior das xanelas, pero moitos colócana fóra, ao revés do que convén. Pero non ten máis que dous movementos: subilas ou baixalas, polo que non permite a relación coa paisaxe ata que está arriba. E non falemos do ruído que fan, que espertan a toda a veciñanza, en contra do silencio das contras.

Animo aos empresarios a deseñar contras modernas para recuperar as súas vantaxes sobre as persianas. Pero por dentro, que se limpan mellor.