Juan Pouso: «Cada ano a comisión consegue superarse»

BARBANZA

MARCOS CREO

Festas do Carme | O concelleiro de Cultura de Porto do Son explica como vive os festexos

08 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Por vez primeira, Juan Pouso non gozará das festas do Carme da súa terra coma un veciño máis, senón que o fará coma un dos responsables da organización desde o seu cargo á fronte da Concellería de Cultura. Aínda que confía en que o balance final sexa positivo, de momento xa foi quen de comprobar os obstáculos que teñen que superar aqueles que se embarcan na aventura de facer posibles uns festexos de altura.

-¿Resultou máis complicado do que esperaba esa implicación do Concello nas festas da que foi partícipe?

-Foi especialmente complicada porque non se contaba con comisión de festas ata hai un mes e medio. No tocante ás xestións do Concello, foron as de sempre, relativas sobre todo con permisos e seguridade.

-¿Non se puxo enriba da mesa a posibilidade de que o Concello se fixese cargo da organización dos festexos?

-Pensamos que o sistema actual, cunha comisión que logra a implicación dos veciños, é o axeitado. Ademais, é unha tradición, pois eu lembro toda a vida a existencia dunha comisión encargada de organizar os festexos. Está claro que non se pode permitir que as celebracións do Carme desaparezan e, en último caso, se non houbera veciños interesados, claro que o Concello tería que facerse cargo, pero iso supón un gasto importante.

-Estas festas son ademais o mellor colofón posible para o verán...

-Si, constitúen unha despedida grande do verán. Son cinco días cun cartel impresionante, que reflicte o gran traballo feito pola comisión, que unha vez máis conseguiu traer ao Son as mellores orquestras.

-Persoalmente, ¿que é o que máis lle gusta das festas?

-Para min, o mellor é ver aos nenos participando das diferentes actividades promovidas para eles e tamén ás familias reencontrarse. Tamén me gusta moito a festa da auga.

-Polo éxito que ten ano tras ano, ¿que cita destacaría?

-A romaría do Loreto, porque é unha actividade diferente dentro do programa das festas. É un día no campo, en familia, con amigos. Unha festa para todos.

-¿Bota en falla algunha actividade que lle gustaría que fose incluída no cartel?

-Pois o certo é que non. Incluso este ano sei pola comisión que hai unha sorpresa na sesión pirotécnica que seguro lle vai gustar moito aos veciños. A verdade é que cada ano a comisión consegue superarse e nesta ocasión é incluso máis relevante, tendo en conta que só contou con 45 para preparar todo. Eu animo aos veciños para que, de cara ao futuro, se unan; é un traballo duro, pero ten a súa recompensa.

-¿Teme entón que non haxa comisión para a vindeira edición?

-O presidente e parte dos seus colaboradores levan xa tres anos e hai que entender que necesitan un relevo. O esforzo acaba queimando á xente. Hai que darse conta de que, mentres uns traballan, o resto do pobo está gozando e, aínda por riba, sempre hai quen critica.

-¿Que lle gustaría que ocorrera de cara ao vindeiro ano?

-Cando rematen as festas terei unha reunión coa comisión para ver quen está interesado en continuar e a partir de aí empezaremos a traballar. As festas non son dun colectivo nin dun partido político, son do pobo.

-¿Como están resultando estas primeiras festas como concelleiro?

-Están sendo para min as festas máis duras, porque descoñecía todo o traballo que supoñía a súa organización. Unha cousa é ir ver as orquestras e levar aos nenos ás atraccións e outra moi distinta solicitar permisos e comprobar que a lei é cada vez máis estrita.

«As festas non son dun colectivo nin dun partido político, as festas son de todo o pobo»

«Animo aos veciños para que se unan á comisión, é un traballo duro, pero ten recompensa»