Dando exemplo

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aobriga de todo alcalde é conservar e manter o patrimonio cultural do seu municipio nas mellores condicións para transmitírllelo a xeracións futuras. Non é unicamente porque así llelo indiquen as leis, senón por dar exemplo á súa cidadanía.

Os cidadáns vense no espello municipal, igual que os fillos o fan no espello dos pais. É unha norma básica da educación dar exemplo aos que están baixo a nosa responsabilidade, e moitos erros da mocidade actual hai que buscalos nos proxenitores, que en vez de indicar o camiño correcto deixan que medren sen valores, sen pautas de comportamento. Esta pauta débese ampliar no espectro municipal.

Un concello que non mantén limpas as rúas e que non coida o patrimonio é un mal exemplo para a mocidade, tamén para a cidadanía en xeral. Chámase a Teoría das xanelas rotas que descubriron James Wilson e George Kelling, mediante un experimento levado a cabo no Bronx neoiorquino pola Universidade de Stanford en 1969.

Para que un concello poida manter en boas condicións as fachadas das casas, libres de pintadas e vandalismo, ten que dar exemplo no coidado do patrimonio, restaurando este antes do seu deterioro, mantendo limpo o espazo público.

Sobran exemplos de concellos que deixaron abandonados monumentos e bens públicos, e por pouco que botemos unha ollada veremos que os cidadáns copian esa estratexia e non se preocupan polas súas fachadas, un efecto dominó que se multiplica veciño a veciño. Quen sementa asfalto, recibe asfalto. Quen coida o patrimonio, indica o camiño ao seu pobo.

Sobran exemplos de concellos que non recibían turistas que co cambio de estratexia son hoxe lugares moi visitados. Pero non debemos pensar no turismo como fin, senón como un complemento ao orgullo do propio pobo de vivir nun lugar agradable e coidado.

Rianxo é un exemplo no que a cultura está por riba do asfalto e do cemento -sen esquecer o necesario, na xusta medida-, pero tamén Carballo, Allariz, Pontevedra, Mondoñedo ou Castro Caldelas, localidades nas que custa atopar pintadas ou vandalismo, e non é por azar, senón pola simbiose nun medio amable no que viven os seus habitantes, promovido polo concello.