Dúas irmás, unha paixón

Uxía Pérez / M.G. REDACCIÓN / LA VOZ

BARBANZA

JORGE PARRI

ATLETAS DO ATLÁNTICO | Sexa fútbol ou atletismo, a Lucía e Liana Quintela de Carnota non hai deporte que se lles resista. Levan adestrando dende que eran ben pequenas e, polo de agora, non pensan deixalo.

05 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se é certo iso de que hai paixóns que nacen con un, Lucía e Liana Quintela son o exemplo perfecto. Con apenas 11 anos de idade, estas dúas irmás carnotanas levan entregadas ao deporte dende os seus primeiros días.

Emprenderon a súa andaina xogando ao fútbol, na escola deportiva de Carnota. Ao pouco tempo, iniciáronse coas súas primeiras carreiras, poñendo un pé no atletismo. Foi así como comezaron a adestrar no club Olimpia de Cee. Tras varios anos de preparación, xa competiron nas categorías benxamín e alevín, e pasaron por campionatos autonómicos e provinciais. Modalidades coma os 600 metros lisos permitíronlles acceder ao podio algunha que outra vez.

Unha das competicións que frecuentan é Correndo pola Costa da Morte. Este circuíto de carreiras populares é una iniciativa dos Concellos da zona para fomentar o exercicio en todas as idades, e xa é a terceira vez que estas xemelgas participan nas probas.

Un amor de toda a vida

O cariño que o seu pai, José Quintela, lle ten ao deporte, podería xustificar esta paixón herdada polas súas fillas. El sente os esforzos das rapazas coa mesma intensidade que o fan elas: «Agora comecei a exercitarme tamén no Olimpia. Gustaríame participar con elas no circuíto Correndo pola Costa da Morte».

Exceptuando o fútbol, case sempre adestran xuntas, pois compiten co mesmo club. Hai uns anos, Lucía abandonou o terreo de xogo para empregarse a fondo no atletismo, mais, a partir da vindeira tempada, retomará aquilo que deixara atrás, influída pola paixón que a súa irmá lle transmite a través do balón. Liana nunca deixou de darlle patadas á pelota, e pasou da escola deportiva de Carnota a Os Miúdos, cos que xa leva tres anos.

Aínda que as dúas son quen de compaxinar á perfección ambas disciplinas, cada unha ten as súas preferencias. A verdadeira paixón de Liana é o fútbol: «O seu mundo xira arredor dun balón. Tan pronto chega á casa, o primeiro que fai é xogar. Coa televisión fai o mesmo, acapara o mando para poder ver todos os partidos», explica José Quintela.

Mais as inquietudes deportivas destas xemelgas non se resumen só nestas dúas disciplinas, pois as palabras do seu pai apuntan noutra dirección: «Aí onde hai unha pelota, aí están elas», xa sexa xogando, por exemplo, un amigable partido de tenis, ou ben implicándose a fondo no voleibol cada vez que pisan a area da praia.

Pequena rivalidade

Algo que resulta inevitable é que estas nenas sintan algo de rivalidade a unha coa outra, no deporte e mesmo na escola.

Hai paixóns que, ao florecer de pequenos, pasan con un o resto da súa vida. Aínda que Lucía estea pensando en tomar camiños máis afastados das pistas, o destino de Liana parece estar máis que definido. Esta rapaza non é quen de concibir o seu futuro doutro xeito que non sexa a carón do deporte.