Christian Danis Castro: As pernas que saltan ríos e montañas

Tras unha etapa dedicada ao fútbol, o mazaricán debutou este ano nas carreiras de obstáculos, onde é segundo de España na súa categoría e disputará o campionato europeo


Ribeira / LA VOZ

A historia de Christian Danis Castro (Liechtenstein, 1998) é unha desas historias necesarias para aqueles que desexan e necesitan aprender a soñar. Se este mozo bota a vista medio ano atrás, toda a súa vida deportiva pasáraa amarrada do balón. Pero iso foi ata que comprendeu que con esforzo e ilusión podía conseguir sortear calquera obstáculo. Literalmente. Entón decidiu soltar a pelota e dedicouse a saltar ríos e montañas.

Hoxe, o mazaricán é segundo da súa categoría na liga regular nacional de carreiras OCR -da voz inglesa Obstacle Course Racing-. Pero non só iso. O verdadeiro obxectivo que se marcou mira cara á urbe polaca de Gydnia, onde se celebrará o campionato europeo desta disciplina, o OCR European Championship, que terá lugar o día 26 deste mes. E si, salvo lesión, Christian Danis ten a súa praza no internacional garantida.

Do fútbol ao circuíto

Aínda que naceu nun principado estranxeiro lonxe de Galicia, Danis medrou en Pino de Val, onde se fixo un oco no fútbol sala de Mazaricos. Incluso chegou a ser parte do ascenso a Liga Galega daquel Dumbría de infantís de Diego Lobelos, antes de marchar catro anos para Asturias, onde militou en primeira autonómica co Real Juvencia, filial do Oviedo.

Mais foi a lembranza daquel Dumbría o que o levou a saltar de novo a un campo de fútbol nestes últimos meses para formar parte dos reforzos do bloque de Lobelos para garantir a salvación do Lira. Non obstante, as cores de Danis como lateral foron as douradas do Mazaricos, que deixou o pasado decembro.

«O OCR é algo que me desestresa. Deixo o móbil, salto ao circuíto e esquézome de todo, esquézome do mundo», explicou o atleta de 20 anos sobre parte dos motivos que o levaron a decantarse por esta disciplina, na que son habituais probas propias de adestramentos militares, como trepar cordas e muros ou superar series de monkey bars pendurado en suspensión -un tipo de conxunto de barras de dominadas.

Así tomou a decisión que comezaba a roldar na súa cabeza dende que se converteu en Técnico Superior en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e fixo as prácticas en Negreira, no centro de adestramento e ocio Dafit, tamén sede e nome do equipo co que disputa a serie de carreiras populares Correndo pola Costa da Morte 2019 e que afronta como preparatorias.

«Damián [Espasandín] ensinoume todo o preciso para poder competir nas carreiras de obstáculos e cando comezou a tempada en xaneiro non o dubidei e empecei a adestrar», conta. Non obstante, nesta disciplina viste o dorsal 903 e o emblema do Conco Box, equipo de Dumbría.

Resultados de vertixe

O principal problema de Christian Danis foi que quería más dificultade, pero no seu primeiro ano só pode competir co seu grupo de idade (18-24) e deberá quedar entre os 10 primeiros de España para facelo o curso seguinte en elite. A receita é a mesma no eido do europeo de cara ao 2020, aínda que xa ten claro que «a miña primeira meta en Polonia é rematar, pois o circuíto conta cunha dificultade importante».

Por outro lado, das catro probas nacionais ás que se presentou, o mazaricán gañou en tres e foi segundo na outra. Así, Danis Castro busca rematar líder ante o seu rival inmediato e para iso terá que puntuar como primeiro nas catro carreiras que restan en Galicia. O certo é que cada inscrición, cada viaxe, cada par de tenis rebentados cada dous meses saen do peto deste mozo, sen maior patrocinio que o suor que deixa nos adestramentos diarios; xa sexa en Negreira, en Mazaricos ou en Dumbría.

Deixando a un lado que tivo que aprender a vivir «con maniotas todos os días», Christian é un corredor moi afortunado. Todos os meses coroa unha vez o Olimpo Celta, cando non inviste as fins de semana en conquistar o monte Ara ou percorrer a ruta dos faros en Muxía. Entre os obstáculos naturais que esquiva, os desexos e o futuro fúndense coas belas paisaxes. «O meu soño é poder vivir dando clases de OCR e competindo. Non se trata de gañar moreas de cartos, senón de poder compartir este deporte cos demais», confesa sorrindo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Christian Danis Castro: As pernas que saltan ríos e montañas