Só existe o que se nomea. Pero eu tamén diría que só existe o que se anda. Disque chega o verán, así que fixen un breve repaso do que a comarca do Barbanza nos ofrece aos amantes do sendeirismo. Vaia conclusións! Un rápido chequeo a turismo.gal, o sitio oficial autonómico de recursos, devólveme 80 roteiros homologados pola Federación Galega de Montañismo, e ningún deles está no Barbanza.
Se acudo á fonte primeira, a web da propia federación, atopo unha lista do 2018 perdida ao final dun pdf. Os 155 roteiros están listados sen máis información, nin sequera en que concellos se atopan nin os seus promotores, e moitos con títulos tan clarificadores e inequívocos como (cito literal): «Ruta dos soutos», «ruta dos muíños”, «ruta das hortas» ou «ruta de castro». Homologar debera ser tamén coidar estas cousas.
Como pode ser que unha comarca cun extraordinario patrimonio natural, arqueolóxico, histórico e etnográfico non dispoña dunha rede decente de roteiros? Aínda que se estimen caros os custes de homologación (iso do caro sempre é relativo), iso supón colocalos nunha lista oficial e con toda unha serie de elementos que fan moito máis doado e recoñecible o percorrido para o usuario.
O sendeirismo está de moda e sei ben que, ademais, na franxa atlántica de Galicia hai moita demanda deste tipo de produtos turísticos que favorecen o turismo interior.
É certo que nos municipios da comarca do Barbanza hai algúns roteiros, algún mesmo coidado. Pero se non os damos a valer e a ver é coma quen non os ten.