Rodrigo Molinos: «O mellor de Agrelo era a conversa»

Loita para divulgar a obra do escritor e lograr para el o Día das Letras Galegas


ribeira / la voz

A primeira conexión que tivo con Xosé Agrelo foi no plano político, pois os dous militaban no BNG, pero foi o mundo do teatro o que os uniu para sempre, estendendo entre eles un irrompible lazo de amizade. O escritor fundara dúas compañías de teatro, Cande e O Xeito, e nesta última entrou a formar parte, como actor, Rodrigo Molinos. Este mecánico naval descubriu da man de Agrelo un eido artístico que se acabou convertendo en paixón. Agora quere compensalo, tratando de perpetuar para sempre a súa memoria.

Con este fin asumiu hai uns meses a presidencia da asociación cultural O Xeito: «Veño de xubilarme e considerei que era o momento de dedicarlle tempo a este colectivo, sobre todo polo que lle debemos a Pepe como mestre, como escritor e como director de teatro», explica. Engádelle á lista a faceta de conversador: «O mellor de Agrelo era a conversa, sempre contaba cousas da vida e incluía nos diálogos fermosas anécdotas. Lembro cando me dicía que a mellor arma de defensa era un paraugas e que se un ía a unha manifestación sempre tiña que levalo pechado por se facía falla defenderse de alguén».

Pepe Agrelo faleceu en novembro do 2006 deixando un feixe de orfos: «O máis triste foi perdelo cando estabamos no mellor momento do teatro con el. Viña de xubilarse e tiña un montón de proxectos», lembra Rodrigo Molinos. De feito, a compañía O Xeito estaba ensaiando Ave María purísima, un texto que Agrelo traducira ao galego e que foi estreado trala súa morte. Logo, na memoria do fundador, o grupo levou a escena Noite de lobos, unha das súas obras máis destacadas, escrita no ano 1975, cando fora censurada a súa estrea.

O escritor marchouse deixando nun caixón da súa casa varios textos inéditos aos que Rodrigo Molinos lles deu forma de libro. Son dez contos e tres pequenas pezas de teatro infantil que viron a luz no volume Cousas de Pepe. Unha desas obras, Caralavada e Chorisón, foi representada o 18 de maio en Muros polo grupo O Xeito, que agora dirixe Xosé Taxes.

A gran homenaxe

Darlle continuidade á compañía de teatro e divulgar ese libro co legado do escritor é a mellor homenaxe que se lle pode render a Xosé Agrelo, pero a Rodrigo Molinos gustaríalle conseguir un reto de maior envergadura, lograr que se lle dedicara ao seu amigo un Día das Letras Galegas. Pensa que reúne os requisitos esixidos pola Real Academia Galega: «O que máis deixou foi teatro de aldea, de sentimentos, pero tamén escribiu algunha gran obra de narrativa, como foi O espantallo».

O actual presidente da asociación O Xeito ten previsto reiterar este ano unha petición que xa se puxo enriba da mesa no pasado, pero que non chegou a callar: «É certo que se falou desa posibilidade, pero non chegou a ter voz no pleno da RAG. Precisamos que tres académicos a apoien e estamos mantendo contactos con este fin». Rodrigo Molinos confía en que cando se debata a identidade do intelectual que sucederá a Ricardo Carballo Calero, o nome de Pepe Agrelo estea polo menos entre as alternativas que se barallen: «Está claro que a culminación ao noso traballo sería que o 17 de maio do 2020 fose para Pepe».

Mentres esperan a chegada dese gran día, Rodrigo Molinos e outros colaboradores do Xeito percorren o territorio de Barbanza espallando as Cousas de Pepe. Lograron que oito concellos achegaran o seu grao de area para que o volume vise a luz e agora van pasando por todos eles para amosar como era Agrelo, o traballo que levou a cabo a prol da cultura e da lingua galegas, e tamén a débeda que o teatro ten coa súa persoa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
21 votos
Comentarios

Rodrigo Molinos: «O mellor de Agrelo era a conversa»