O roubo do mosteiro de Armenteira

Natividad Rey

BARBANZA

CEDIDA

31 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O mosteiro de Armenteira sempre estivo envolto entre historia e lenda, como é a do famoso roubo no ano de 1834.

Unha tarde do mes de abril do dito ano, oito ladróns chegaron ata o mosteiro cun par de burras que roubaron polo camiño. Vixiaron a saída dos monxes ata que souberon que só quedaba un dentro. Prepararon a artimaña e entraron pedindo un cura para darlle o viático a un dos garduños que se fixo pasar por enfermo; mais o relixioso soubo que aquilo era un engano e, de súpeto, subiu ao campanario para tocar a rebato, pero dende abaixo dispararon nel abaténdoo. Desvalixárono todo e roubaron dende os cadros e roupas ata os depósitos dos santos. Cando encheron os sacos liscaron rumbo a onde deixaran o barco; pero antes repartiron o botín no monte Penaguda e, como se decataron de que os gardas viñan detrás deles, trocáronlles as ferraduras aos animais para modificaren as pegadas dos seus pasos e así poder confundir os seus perseguidores. Este suceso foi considerado un augurio e, ao pouco tempo, os monxes abandonaron o mosteiro coa desamortización e volveron máis malfeitores para espolialo. O mosteiro quedou na ruína ata que a partir de 1961, D. Carlos Valle-Inclán -fillo do escritor- chegou na procura do lugar que lle inspirou ao seu pai os Aromas de Lenda. Fundou a asociación «Amigos de Armenteira» e, pouco a pouco, acadou gran parte da reconstrución do mosteiro, permitindo así que se restablecese a vida cisterciense.

No outro lado da ría de Arousa, na aldea de Abuín, existe unha lenda relacionada co citado mosteiro. Cóntase que un día, un capitán audaz reuniu oito malandríns para ir atracalo. Entraron facilmente e ataron todos os monxes ás columnas para que estivesen quietos namentres eles roubaban o que atopaban. Apoderáronse dun antigo tesouro que incluía un cáliz de ouro, e cargaron coas riquezas de volta á aldea. Cando chegaron desembarcaron por xunta o penedo de «Salto Ladrón». De noite repartiron o botín e déronlle o cáliz a gardar ao cura. Ao día seguinte o capitán apareceu morto no seu cuarto e tras el, os habitantes de Abuín comezaron a falecer de mortes repentinas. Con todo, tiveron a certeza de que a desventura que sufrían era un castigo de Deus por iren despoxar un lugar sacro. Comezouse a dicir que a aldea estaba maldita e despoboouse por completo ata quedar nunha completa miseria deica o día de hoxe. Esta aldea foi unha fonte de inspiración para Castelao.

Natividad Rey

Investigadora formada en Antropoloxía e Etnografía galega, especializada en Patrimonio Inmaterial.