Marcos Teira: Un pobrense tralos pasos de Paco de Lucía

Co seu novo traballo discográfico, titulado «Nós», pecha unha triloxía dedicada a adaptar ao flamenco temas procedentes de estilos musicais coma o jazz e o rock


ribeira / la voz

É da Pobra, pero o flamenco corre polas súas veas desde neno e impregna a media ducia de discos que ten na rúa. Marcos Teira di que un músico de Aguiño, Francisco Millares, lle abriu os ollos cara este estilo e, aínda que ao longo da súa dilatada traxectoria tocou practicamente de todo, nunca foi quen de afastarse dos ritmos propios do sur de España. Agora presenta Nós, o último traballo dunha triloxía que xira ao redor da idea de empregar o flamenco como linguaxe para interpretar temas de outros estilos diferentes, como poden ser o jazz ou o rock.

Para a gravación deste disco, o pobrense aliouse con diversos artistas, catro dos cales o acompañan na xira de promoción que xa está en marcha. Trátase de Alejandro Vargas, ao piano; Moisés Fernández, coa percusión; Alfonso Calvo, no baixo; e do bailador compostelán Isaías Zalazar. Todos eles danlle forma a un espectáculo de música e danza que rescata temas dos anteriores traballos de Marcos Teira.

É que este Nós está estreitamente vinculado aos dous traballos anteriores do artista barbancés, formando parte dun proxecto que naceu con Solo e seguiu con Flamenco translations, un disco libro de carácter didáctico. «É coma o final dun ciclo, dunha etapa dedicada a afondar na guitarra flamenca, traballando cun repertorio de temas de outros estilos», explica o músico, que engade que a metade dos oito títulos que integran este novo cedé son composicións propias.

El recoñece que o habitual non é atoparse no mundo musical cun galego ou cun pobrense que teñan esta paixón polo flamenco, pero desvela o camiño que segue: «Toquei diferentes músicas ao longo da miña carreira, pero considérome seguidor da senda que abriron Paco de Lucía e os músicos que o acompañaron, que foros os primeiros que empregaron esta linguaxe». Tamén recoñece a gran influencia do seu mestre de Aguiño: «Antes que nada son guitarrista, pero tropecei nun momento dado cun mestre que me amosou esa linguaxe e despois mergulleime no tema e vin que o flamenco era interesante».

Novo disco en marcha

E os ritmos flamencos estarán moi presentes no vindeiro proxecto de Marcos Teira. O pobrense explica que xa está mergullado no proceso de realización dun novo disco, que estará integrado na súa totalidade por composicións propias: «Nestes intres estou precisamente co proceso creativo. Decidín regresar de algún xeito ao pasado, pois antes destes tres últimos discos publicara outros tantos con composicións miñas». Aínda que seguirá a mesma liña, xa adianta que o próximo traballo terá máis flamenco e menos jazz.

Con Paco de Lucía e a súa música como gran referencia, o pobrense asegura que, á hora de crear, se deixa inspirar non só polo que escoita, senón tamén polo que ve. A nivel sonoro, confesa que as súas influencias son varias, abarcando a coñecidos músicos do panorama internacional, como Jimi Hendrix, ou a artistas galegos, entre os que destaca Fran Pérez, Narf: «Traballei moitos anos con el e está moi presente na miña música. Teño claro que me inflúe de xeito decisivo».

Marcos Teira compaxina este afán por encaixar o flamenco nunha nova paisaxe sonora, que materializa a través de concertos e discos, coa faceta de mestre de guitarra. Confirma orgulloso que, compatibilizando ámbalas dúas actividades profesionais, é quen de vivir da que sempre foi a súa gran paixón: «Economicamente, non é doado vivir da música, pero é certo que eu non podería estar mellor se tivera outro traballo que non fose este».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Marcos Teira: Un pobrense tralos pasos de Paco de Lucía