Un rianxeiro indignado

Juan García Rodríguez CAIXA DE CORREO

BARBANZA

19 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode enviar os seus textos á dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es

O domingo día 10 de marzo celebrouse en Rianxo o certame de carrozas dun entroido que non deixou a ninguén indiferente, unha vez máis, volvendo a relembrar pantasmas do pasado. Esta vez non foron as carrozas as protagonistas, como o propio día así o requiría, senón un grupo membros que conformaban un xurado moi distante da xustiza que este día se lle outorgou. Un xurado que se cargou o entroido unha vez máis nunha vila onde costa remontar este tipo de actividades festivas.

Un xurado que se deixou levar máis polo corazón que polo bo xuízo, cometendo graves inxustizas que desgarran os ánimos dos verdadeiros protagonistas. Un xurado reflexo desta España onde o que manda fai e desfai ao seu antollo, sen importar as disconformidades alleas, onde os favores predominan sen obstáculos e as cousas se escollen a dedo.

Un xurado que non vai ter a sorte de encontrar o silencio dos cidadáns indignados, esta vez non, calando, porque calando non se arranxan estas cousas, nin encontrarán a cura que cerre estas feridas.

Un entroido onde non houbo vencedores nin vencidos, pero si dous claros perdedores, o Concello e o entroido para pesar do todos nós. Tal vez o vindeiro ano, no día do desfile se verá reflectido na afluencia o mal xurado que nos representou nesta edición, acabando así con un día de festa onde nenos e nenas, mozos e mozas, vellos e vellas, non poderán gozar.

Tan só queda pedir perdón a todos os participantes e rezar para que nos acompañen para o ano que vén, cando esperemos que isto non volva acontecer. Juan García Rodríguez. Rianxo