Juan José Dieste: «Hai que estar no Xacobeo 2021 como a porta de entrada a Compostela»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Aposta por empregar como principais ganchos a Traslatio e unha ruta costeira, desde o faro de Corrubedo a Rianxo

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Consciente de que Santiago é o eixo do turismo galego e acolléndose á proximidade de Barbanza coa cidade compostelá, Juan José Dieste, o novo presidente da mancomunidade Arousa Norte, amósase convencido de que a comarca pode e debe aproveitar o tirón do Xacobeo. Non dubida en asegurar que buscar as fórmulas para conseguilo ten que ser a gran prioridade.

-¿Con que grandes retos asume a presidencia de Arousa Norte?

-O principal é garantir que a comarca siga medrando como destino turístico, para iso hai que seguir diversificando e desestacionalizando a nosa oferta con novos produtos. Temos varias frontes abertas, sobre todo en materia de natureza, de patrimonio e de deportes, pero hai que estar no Xacobeo 2021 como a porta de entrada a Compostela. Xa que hai un produto que funciona a nivel Galicia, temos que ofertar unha alternativa desde Barbanza. Tamén é importante seguir incidindo na gastronomía e no sector náutico, que ten un gran potencial.

-Son varios os destinos que xa teñen avanzada esa carreira cara o Xacobeo 2021, ¿non vai con retraso Arousa Norte?

-Non é unha cuestión de rivalidade, senón de complementarnos. O Xacobeo é o fenómeno turístico máis importante de Galicia e todos podemos aproveitalo de algún xeito. Nós xa empezamos a traballar neste sentido hai tempo, aínda que é certo que quizais fomos un pouco lentos. Agora temos que esforzarnos en promover a Traslatio, esa ruta marítima e fluvial que nos conecta con Santiago.

-¿Cal cre que pode ser o atractivo turístico da zona que marque a diferenza con respecto a outros destinos galegos?

-É complicado elixir un único elemento, pero penso que se pode formar un conxunto de peso entre o Parque Nacional das Illas Atlánticas, o parque natural de Corrubedo e os peiraos deportivos, que están experimentando un notable incremento como puntos de entrada de turistas. Temos un potencial elevadísimo que hai que explotar. Neste eido enmárcase unha das nosas grandes apostas, que é a senda litoral, unha ruta de 110 quilómetros que arranca no faro de Corrubedo e conclúe en Rianxo, pasando por tódolos portos deportivos.

-¿Non considera unha limitación importante a falla de infraestrutura hoteleira?

-É certo que a comarca precisa máis prazas hoteleiras. O problema que existe é que a meirande parte dos turistas que recibimos son de aluguer ou de segunda vivenda, de aí que sexa complicado atopar empresas interesadas en investir en Arousa norte. Aínda non nos ven como un destino turístico rendible a nivel hoteleiro, pero potencial si que existe. Quizais se pecou a nivel urbanístico e non soubemos ver a importancia do turismo para, á hora de elaborar os planeamentos, anticiparnos e reservar espazos para hoteis. Tamén hai que ter en conta o obstáculo que supoñen aquí as restricións de Costas, Augas de Galicia e Medio Ambiente.

-¿Cree que unha área de ocio coma un parque acuático podería funcionar como gancho?

-Eu téñoo en mente desde hai anos e incluso teño elixida a localización, pero o certo é que en Arousa Norte nunca se falou dun proxecto así. É evidente que sería un atractivo importante que lle daría notoriedade á comarca, pero a nivel de mancomunidade, poderiamos entrar nun problema de localismos.

-A imaxe que proxectan foi e segue a ser de moi boa sintonía entre os alcaldes.

-E é así, levámonos moi ben. Non hai rivalidade e a sintonía é total, pero logo cada un pode ter a súa opinión. Eu, por exemplo, penso que habería que darlle unha volta á xestión da mancomunidade, porque estamos destinando a gastos fixos boa parte dos recursos que achegamos os catro concellos. Con persoal municipal poderiamos encargarnos da xestión directamente, pois non manexamos un orzamento tan grande como para asumir o custo dunha empresa.