«Os empresarios teñen que ver no turismo un novo filón»

La Voz

BARBANZA

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai algo que se lle está resistindo á mancomunidade barbancesa é involucrar nos seus proxectos aos empresarios da comarca, aínda que houbo varios intentos para facelo, e estender a súa influencia a outros eidos. Juan José Dieste recoñece que os dous retos seguen a estar lonxe de verse cumpridos.

-Realizouse un gran esforzo para facer visible o traballo da mancomunidade, ¿logrouse?

-Eu creo que si, penso que a xente da rúa percibe o que se está a facer, cousa distinta é o que ocorre co sector empresarial, que carece de mentalidade turística. Niso si que temos que mellorar, porque os empresarios teñen que ver no turismo un novo filón económico para que se animen a investir na comarca. Porque o crecemento do turismo é unha realidade, pois no último ano medraron un 7 % as consultas nas oficinas de información e as chegadas aos portos deportivos aumentaron un 60 %. Por poñer un exemplo, non pode ser que aínda non haxa unha tenda que oferte postais e obxectos de recordo vinculados á comarca.

-¿Para cando o salto de Arousa Norte a outros eidos máis alá do turismo?

-Está claro que é un dos retos, pero é complicado. Chegouse a expoñer para o servizo de recollida do lixo, pero hai concellos que teñen empresas e unha rescisión deses contratos non era viable. O certo é que a día de hoxe non o vemos viable, non porque nós non queiramos, senón porque a legalidade vixente non axuda.

-Se puidera elixir un servizo para mancomunar ou unha área para traballar de forma conxunta, ¿cal sería?

-A recollida do lixo sería un bo comezo, pero tamén se podería estender a colaboración ao control do consumo da auga ou ao mantemento eléctrico. Incluso poderiamos integrar outros servizos coma os centros de información á muller ou os de drogodependentes. O que ocorre é que os localismos non só parten dos políticos, tamén os veciños queren ter os servizos ao pé da porta. Ás veces non somos conscientes de que Arousa norte podería funcionar como unha gran cidade, pois só son 20 minutos os que separan os dous extremos, Ribeira e Rianxo.