A democracia non sae gratis

Ciprián Rivas

BARBANZA

14 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os tempos son chegados. Ule polas corredoiras, parques, pistas forestais e nos bares a urna electoral. Cada día existe un novo rumor sobre a presenza dun determinado candidato nunha determinada lista gañadora. Todos son gañadores ou gañadoras dunha confrontación libre onde as armas utilizadas son as verbas: mal usadas danan máis que unha bomba atómica, ben usadas aportan integración, consenso, polo tanto, convivencia. O día 26 de maio será, pois, a festa da democracia onde todos gañarán, inclusive os que perdan.

Mentres tanto as formacións políticas deseñan estratexias para unha campaña que se prevé longa e dura. O arco electoral no ámbito municipal é, o mesmo que nas europeas, amplo. Ademais dos partidos xa institucionalizados: PP, PSOE, BNG, Podemos En Mareas e Ciudadanos, están as distintas agrupacións locais que desexan ter voz propia nas súas corporacións. Confórmanas persoas, en moitos casos, sen experiencia política partidaria. Noutros si que existe esa praxe, pero deciden mudar de siglas e crear as súas. Tamén pode acontecer que sexan formadas como táctica política para dividir o voto e ter logo capacidade de negociar para decidir a formación dun goberno, se non gobernan eles, ou formar alianzas onde o propio está por riba do común. Acoden a esta estratexia os resentidos, os escuros, os espurios que non dan a cara usando a candidatos monicreques sen poder de decisión. Estamos diante da perversión máis destrutiva do ser humano: a corrupción. Se é política, significa o abandono dos ideais de servizo á cidadanía para poñelos ao servizo dun mesmo.

Aqueles que non teñen a lista formada andan na procura de nomes e perfís, de ideas e proxectos, de definición dunha marca que os sitúe no imaxinario común á hora de votar. Son momentos dun gran esforzo físico e mental onde se poñen en xogo as habilidades, naturais ou aprendidas, para visibilizar os plans e as persoas que os poñerán en práctica. É tamén a aprendizaxe natural á que se expoñen os candidatos para comprobar a súa confianza no xénero humano. Observarán neste tempo as fortalezas e debilidades dos que os rodean. Estarán atentos aos movementos, tanto da oposición como no seu propio grupo, para que non os colla desprevidos ningún comentario ou acción que sitúe a candidatura e o candidato nunha área de perigo. Manexarán as contas con total transparencia e cando remate a campaña algúns decataranse de que lles queda un creto por pagar; aquel que solicitaron de maneira mancomunada para realizar os gastos de fotografía, imprenta, redes sociais, desprazamentos, aluguer de espazos, cuñas de radio, etc.

A democracia é o que ten: nunca sae gratis, pero por ela debemos traballar todos.