Un 11 de febreiro do ano 1976, apenas un ano despois de ter saído da cadea, cando se dirixía a coller o coche, Joseph Barboza foi cribado a tiros nunha rúa de San Francisco sen ter tempo a sacar o seu Colt 38, cando tan só contaba 44 anos.

José Barbosa, que era o seu verdadeiro nome, foi un boxeador de orixe portuguesa, quen nos Estados Unidos acadou máis fama por ser o único non italiano que formou parte da mafia ca pola súa carreira deportiva, e a quen agora quere levar ó cine a Century Fox, non por emigrante ou deportista, senón por ter asasinado a máis de 30 persoas para, en palabras súas, darse a respectar; nese afán por querer destacar sobre o resto sen ter en conta a propia dignidade. E sen embargo este tipo tamén tiña cousiñas amables, como a de entreter ós nenos do barrio facendo imitacións dos personaxes de Disney ou escribir rimas (a poesía é outra cousa) durante a súa estancia na cadea. Pero ó final, abandonado de propios e alleos, como non tiña con que pagar a fianza para saír libre, converteuse en acusón e marchou a outra cidade con identidade falsa, ata que lle pediron contas.

E non sei por que me ten que acordar hoxe este tipo, cando me chega a nova de que este sábado, día 9, en Ellis Island, van inaugurar unha exposición sobre a emigración galega nos Estados Unidos baixo o título Os adeuses. Talvez me acorde porque, na emigración, as luces e as sombras mestúranse sen dor. E se ben é de agradecer que se faga esta exposición, precisamente no lugar onde se lle tomaba filiación a todos os desposuídos do mundo que chegaban a aquela terra coa esperanza de acadar o benestar propio e das súas familias, abocando as tremendas vicisitudes de tal condición, tanto para adaptarse ós costumes como para darse a valer, non podemos esquecer a tantos outros que entraron na terra do dólar sen fichar nesta illa, senón como polisóns cruzando o Atlántico en condicións infrahumanas, ou desertando do buque en que ían enrolados para que as seguintes xeracións tivesen acceso a unha vida digna.

O mundo da emigración ten eses claroscuros que non debemos esquecer, tanto para prever o futuro como para entender a aqueles que hoxe buscan a súa dignidade entre nós; e entre os que non faltan, ben certo é, collas de maleantes sen escrúpulos, pero tamén unha inmensa maioría de persoas que só procuran ter un traballo digno e aportar con el unha fonte de esperanza. Case nada.

Gustaríame que esa exposición promocionada polo goberno galego se fixese aquí en Galicia antes de viaxar a USA. Agora só nos queda agardar a que logo a traían e percorra as bisbarras con máis forte presenza americana. Á fin aló temos barrios, e ata pobos enteiros nos que só se fala galego con seseo, sen necesidade de deixar a nosa pegada de película ó estilo dese tal Barbosa; unha pegada que por falta de morbo billeteiro o cine non vai inmortalizar, a pesares da dura e longa contribución que tantos veciños nosos aportaron durante os mellores anos das súas vidas, para o crecemento dese país, levando como única arma de defensa unha ferramenta de obreiro. Paisanos que tantas veces aínda deixaron alí os seus descendentes con apelidos tan enxebres como Cortizo ou Carballo, que aló acabarán trocándose en Cork e Oak, ata perder a identidade orixinaria.

Tantas veces os adeuses do emigrante foron para sempre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Tags
Comentarios

Os adeuses