Teño moitos amigos preocupados na ausencia de xente nova nos actos culturais. Ou, máis ben, en determinados eventos. Os apocalípticos esquecerán a súa propia mocidade e concluirán que as novas xeracións están perdidas sen remedio. Os máis cavilosos daranlle voltas ao formato e botaranse a culpa a si mesmos. Que estaremos a facer mal?
O certo é que non hai unha solución para o asunto do envellecemento da cultura porque, se cadra, nunca foi distinto, nin aquí nin en ningures. Teño un amigo sueco que acaba de poñer en funcionamento unha empresa de turismo cultural, e axéxolle os inicios a través do Facebook. Todos os clientes que percorren con el os bosques e aldeas nórdicas peitean canas; o mesmo acontece con outros compañeiros que están no Reino Unido ou en Francia. Será que non son países desenvolvidos. Para máis aquel, ocorréuseme botarlle un ollo a fotografías de presentacións de libros de mediados dos noventa, cando eu estaba na carreira. Era case igual: só vías xente nova en presentacións de Ferrín, Galeano ou Beiras. É moi posible que hoxe sigan atraéndoos.
Non nos decatamos de que a cultura ten un perfil moi xeracional, do que soamente se libran algunhas figuras de determinado carácter. A algúns dos formatos pásalles como lle ocorre ao viño: que comeza a gustar de verdade a partir da primeira nova; non son malos, senón que non é o tempo de consumilos. O que hai que facer é tomalo con calma, sementar plantas distintas e coidar as leiras da cultura, que son moitas. Así, en cada tempo do ano, a horta irá dando o seu froito.