A fame

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

25 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta tempada ando metido no asunto este de baixar peso. E, para ir evitando o chiste, deben saber vostedes que levo no empeño desde antes do Nadal. Debo ser o único galego que perdeu quilos durante as festas. Isto da perda de peso é un proceloso mundo que cambia ata o xeito de mirar. Agora leo as táboas nutricionais dos fideos chineses con máis atención da que teño prestado nunca a un xornal deportivo ou a un convite de vodas. Se antes consultaba con frecuencia maníaca o WhatsApp, agora paseime ao GoogleFit, a aplicación de exercicio físico que me di cantas calorías levo consumidas ás dez da mañá, dato que cómpre comprobar ás 11.15 por se se produciu algunha variación notoria.

Esta curiosa nova vida defínese por un punto de fame perpetua, ese oco estomacal do que xa falaba Obélix, co que hai que aprender a levarse ben, como aquel diaño que disque sentaba ao carón da orella de Lutero. Ignacio Peyró, no seu libro Comimos y bebimos, fala dunha monxa mexicana á que lle excitaba tanto o xaxún de líquidos que pegaba os beizos á parede fría para gozar da humidade. As fames e sedes fannos así: entendo moi ben a aquela sor. Eu creo que é o demo da fame o que nos empurra aos alimentos baixos en calorías que hai en cada estante dos supermercados, que son como unha bula papal que nos garante un goce sen cometer pecado. Moitos só teñen de light o alcume, sen que ninguén mova un dedo.

Pero, ¿canto estariamos dispostos a pagar por librarnos do remorso? Polas contas que eu veño botando, sobre un 30 % de máis do prezo normal do produto. A fame sempre se pagou cara.