Banda de Música de Caamaño: Máis dun século espallando melodías

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

A formación, que estivo sempre en mans da familia Olveira, mantén un repertorio tradicional

20 ene 2019 . Actualizado a las 05:10 h.

Levar máis de cen anos animando festas e romarías constitúe un fito destacable. Se a formación en cuestión é unha banda de música do estilo máis tradicional que estivo sempre en mans dunha mesma familia, o mérito é aínda maior. Nesta situación está a Banda de Música de Caamaño, unha agrupación que irrompía alá polo 1912, cando Barbanza era practicamente un deserto no que ao eido musical se refire. De feito, trátase incluso dun dos grupos de cámara máis antigos de Galicia.

Foi Manuel Olveira Paz o que fundou a banda. El aprendera os conceptos básicos da música na Pobra e xunto a un amigo, tamén de Caamaño, decidiu fundar a agrupación. Gustáballes tocar e tamén viron no proxecto unha alternativa para obter rendementos económicos. Un dos seus fillos, José Olveira Santos, foi a segunda persoa que se puxo á fronte da agrupación que, desde o 1968, dirixe outro dos descendentes do fundador, Francisco: «Meu irmán levara un tiro na guerra que o deixara bastante mal, polo que me deu o relevo».

50 anos coa batuta

Aos seus 86 anos, Francisco Olveira segue a soster a batuta da banda de Caamaño e a loitar para que a tradición familiar se manteña. Lembra con claridade a súa primeira actuación: «Foi en Muros, un venres das Dores do ano 1941. Daquela eu tocaba o clarinete e aínda non cumprira os 10 anos». Botando a vista atrás, vese naquela infancia coma un privilexiado, tanto por poder desenvolver a súa afección pola música como polas aventuras vividas nas saídas: «Case non había bandas pola redonda, lembro unha en Camboño, outra en Bealo e outra en Asados, polo que nós viaxabamos moito. Daquela non era coma agora, non había festa sen banda de música».

Ata Asturias chegou Francisco Olveira coa Banda de Música de Caamaño. Iso si, recoñece que sempre sentiu predilección por actuar preto da casa: «O Loreto do Son, o San Benito de Seráns, o Nazareno da Pobra... esas romarías de xentío son as máis emotivas». El foi testemuña directa da transformación que sufriron as bandas para adaptarse ás preferencias do público, un proceso co que non está de todo de acordo: «A música de banda é a que máis me gusta, pero teñen que ser bandas boas, non charangadas. Agora o que se busca é andar aos cartos, renunciando ao repertorio propio das bandas».

Por iso, a formación de Caamaño mantén a súa esencia con temas como Airiños aires, Alborada galega, Festa na tolda ou Maruxiña malfalada; obras populares galegas que non requiren ter unha gran banda para a súa interpretación. Pois, aínda que a agrupación sonense nunca estivo en perigo, o certo é que en raras ocasións consegue reunir aos seus 24 integrantes, sendo entre 15 e 20 os músicos habituais.

Relevo garantido

Iso si, o relevo, polo menos de momento, está garantido. Aínda que Francisco Olveira está activo ao cen por cento, cando lle resulta imposible acudir a unha cita coa banda deixa a batuta nas mans da súa filla Mari Carmen. Ela, coma seu pai, toca o clarinete, pero non é a única da saga Olveira que achega o seu grao de area a esta formación. A súa filla, Carmen de Castro, é outra das clarinetistas da banda e o seu irmán, Manuel, o saxo alto. A maiores, tamén se incorporaron ao grupo as dúas fillas deste, Ana María (saxo tenor e bombo) e Cristina (saxo alto).

Manter o grupo é para todos o obxectivo: «Quero que os máis novos entren tamén na banda. Xa lle estou ensinando a tocar a unha filla dunha sobriña que ten 5 anos, porque non quero que a tradición se perda», comenta Carmen Olveira. Ela, que se perfila como a futura directora, aposta tamén polos repertorios tradicionais: «Mantémonos como banda clásica porque é o que lle gusta á xente de nós. Xotas, muiñeiras, pasodobres, valses... e con iso percorremos toda a contorna e mesmo nos chaman cada ano da Coruña. Nós imos alí onde nos reclaman».

Francisco Olveira é o que máis goza vendo a tantos descendentes formando parte do proxecto musical que puxo en pé o seu pai: «Para min é unha alegría enorme ver que a banda vai seguir funcionando no futuro». El contribuíu a escribir un capítulo importante da historia musical da comarca e quere continuar: «Pido poder seguir coa batuta».