O apóstolo e Plácido

Unai González

BARBANZA

20 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O16 de xaneiro fixo tres lustros do pasamento de Paco de Aguiño, Francisco Lorenzo Mariño, párroco fundador que chegaba ao noso pobo un outono de 1959. Despois de traballar arreo, en todos os campos posibles -parroquial, comunitario, asociativo, cultural, económico, lingüístico, deportivo e incluso político- ao longo de 45 anos tivo a sorte de ser profeta na súa terra de adopción e ter o recoñecemento público da súa veciñanza, así ergueuse un busto no adro da igrexa, púxose o seu nome á principal rúa do pobo ou outorgáronlle a Medalla de Galicia, entre outros méritos dunha morea de todo tipo.

Tiña tanto o agarimo dos seus fregueses como da xente doutros lugares. Viñan ás celebracións da parroquia dende vilas de todo o País xa que foi ademais un dos ideólogos de Irimia e as Romaxes e un firme defensor da cultura, a lingua e a identidade propias de Galicia; nos Concilios Europeos de Parroquias descabalgou da burra ao teólogo Chao Rego ao arrincarse falando en galego nunha reunión na que todos os sacerdotes o facían en español e aí naceu a Igrexa Galega.

Un dos bos amigos que tivo foi Plácido Betanzos, exemplo desto foi un dos artigos que lle dedicou alcumándoo O Apóstolo. Dicía do cura que era un exemplo de entrega aos demais, un loitador polas causas máis inaccesibles e que se poñía sempre do lado da xustiza para defender aos máis necesitados, aos humillados, aos esquecidos... dicía que Paco comprendera mellor que ninguén a mensaxe de irmandade e que non gustaba de líderes que fan todo en nome dos demais para acadar as súas propias ambicións. Estas mesmas palabras de Plácido son exactamente as que lle corresponderían a el que, sen sabelo, naquel artigo estaba a describirse a si mesmo.

Hoxe que comparten un lugar no alén estou seguro de que seguirán coas súas conversas e que saberán alentarnos para continuar no camiño dun mundo mellor, onde o recoñecemento que Paco tivo en vida e Plácido non puido ter, sexa cedo unha realidade, honrando e facendo eterno como se merece, ao camarada.