Ezequiel Mosquera: «A Sin-Son é referencia en Galicia»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O xerente de Emesports recoñece que a carreira é unha das máis esixentes a nivel loxístico e organizativo

22 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se alguén sabe de eventos deportivos ese é Ezequiel Mosquera (Teo, 1975). O exciclista e actual xerente de Emesports é unha desas persoas que comezou a traballar na Sin-Son cando, hai sete anos, esta era só unha idea. Encargado das cuestións loxísticas e organizativas, defende que a carreira rivaliza de ti a ti coas mellores de Galicia.

-¿Cal é a parte máis complicada?

-Ao contrario que na maioría de probas, aquí a xente empeza nun sitio e remata noutro. Desprazar a 2.000 persoas non é sinxelo. Fai falla unha gran sincronización. Tamén foi moi complexo conseguir que a Garda Civil de Tráfico nos «prestara» a estrada, xa que debemos pechala enteira, aínda que só durante o tempo da proba. Por último, en Portosín, nas zonas onde se cruzan os corredores practicamente tes que ir separando o pelotón.

-Coñece moitas carreiras. ¿Que atrae a 2.000 persoas a O Son?

-A Sin-Son destínguese como unha proba distinta. É certo que hai outras en liña, como a Vig-Bay, pero esta ten as súas particularidades. O número de corredores segue medrando, pero tamén o número de carreiras. Iso fai que só as ben organizadas se manteñan. Esta é unha desas, que provocan que unhas persoas chamen polas outras. O percorrido, o ambiente, a rosca do final... Todo iso inflúe.

-Di Pedro Nimo que o importante é tratar a todos por igual.

-Iso é importantísimo. Os primeiros dan relevancia, pero o pelotón e os últimos son os que dan o número, son os que arrastran aos amigos.

-Entendo que para vostedes a Sin-Son ten algo de especial.

-É certo que, a nivel loxístico, é unha das importantes do ano. Ao mellor hai voltas ciclistas por etapas que son máis complexas, que requiren un pouco máis de rapidez. A Sin-Son precisa dunha montaxe potente, xa que debemos facela en dous lugares. Para nós é unha data sinalada. É das que preparamos con mimo. Se ben é certo que xa van anos e témolle collido o truco -ri-. Xa vamos rodados, pero ao comezo era unha desas probas nas que debías fiar moi fino.

-Repiten o sábado coa proba dos rapaces.

-Cando me falaron de dividila pensei que era unha boa idea, como así resultou. A carreira dos maiores reúne a 2.000 persoas e existía o risco de cometer un erro, xa que, cando saía o pelotón de Portosín aínda quedaban rapaces correndo en Porto do Son. Nunca houbo problemas, pero tes que estar moi atento. Co cambio saímos gañando. Se ben e certo que algúns pais quéixanse de que deben estar dous días, tamén é certo que este tipo de eventos son unha aposta turística e gastronómica. Se grazas a esta separación hai xente que decide quedar a durmir, pois mellor para a hostalería local e comarcal.

-A ameaza da choiva está aí.

-Mirando o parte daban bo. Temos un anxo que nos últimos anos nos vén acompañando. A choiva sempre complica e desluce unha carreira, pero estamos en Galicia e a xente sairía igual.

-¿Cal é o punto forte da Sin-Son?

-Sempre digo que as grandes probas están supeditadas a estar en cidades grandes, salvo en algunhas excepcións, como é o caso. A Sin-Son é referencia en Galicia. Dende o meu punto de vista, este tipo de eventos, con tanta xente, son moito máis agradecidos nun concello pequeno. É unha festa para o pobo ese día, xa que están orgullosos de ter unha competición así.