Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza: Coa verdade e a xustiza como obxectivos

O sereo á mellor iniciativa cultural dálle ao colectivo folgos para seguir co seu labor


ribeira / la voz

Hai 11 anos entraba en vigor unha lei que perseguía establecer unha serie de medidas en favor daqueles que padeceron persecución ou violencia na Guerra Civil e na ditadura. Para velar polo seu cumprimento nesta comarca, un grupo de veciños fundaban no 2012 a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza (CRMH). Ansiaban sacar á luz episodios da brutal represión que houbo na zona e que permanecían no esquecemento. Organizaron conferencias, editaron libros, produciron traballos audiovisuais e mesmo impulsaron a colocación no Confurco dun monumento en memoria das vítimas. Con moito camiño aínda por percorrer, o traballo da entidade vén de ser recoñecido por Barbantia, que lle concedeu o sereo á mellor iniciativa cultural.

Manuel González foi un dos impulsores desta comisión. Asegura que descubrir a verdade dos acontecementos e dala a coñecer foi a meta que o grupo de veciños ao que se adheriu se marcou como gran obxectivo: «Queriamos dignificar o papel daquelas persoas que sufriron o golpe de estado do 36, facer un labor pedagóxico na sociedade, explicando as consecuencias daquilo para evitar que no futuro se repitan situacións similares». Celia García Pillado sumouse posteriormente á entidade. Os seus avós foron represaliados: «Sobre todo a miña avoa, porque a represión á que eran sometidas as mulleres era brutal».

Co fin de facer xustiza, non só se sumou á loita, senón que hai uns meses asumiu o cargo de presidenta. Celia García deixa claro que o premio que o sábado recollerá no auditorio ribeirense é froito do esforzo de todos os que achegaron o seu grao de area nesta batalla. Traballo que permitiu, por exemplo, sacar á luz o libro Letras de morte e liberdade ou o documental In memorian, con sete testemuñas de cinco homes e dúas mulleres que foron represaliados e paseados en Barbanza. Entre os proxectos máis importantes que ten entre mans a comisión actualmente está a edición duns cadernos titulados Episodios republicanos barbanzóns, que perseguen dar a coñecer a veciños que foron significativos. O número inicial estivo dedicado a Bríxida Muñiz, primeira muller concelleira de Boiro e vítima da represión, e en breve sairá o segundo, en homenaxe ao rianxeiro Xesús Redondo Abuín.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica tamén está a traballar na elaboración das memorias de Xulio Silva, que exerceu de secretario da UXT e foi fusilado en Boisaca no ano 1937. «Temos un fondo oral e escrito a partir das achegas de persoas represaliadas e de familiares, pero facemos un chamamento a todas aquelas persoas que queiran colaborar con información para que se dirixan a nós», destaca Manuel González. Engade que, desafortunadamente, hai moitos casos na zona que aínda permanecen ocultos: «Hai familias que seguen sen querer falar, segue a ser un tema tabú».

Inventario en proceso

Ademais de desenterrar historias na procura da verdade, da xustiza e da reparación, o colectivo busca facer cumprir a Lei de Memoria Histórica noutros eidos. O propio Manuel González está traballando na elaboración dun inventario da simboloxía franquista que aínda perdura en Barbanza. Atopou varios casos en igrexas e fontes de Ribeira, pero pretende ampliar o informe a toda a comarca, para esixir a retiradas dos símbolos.

Desde a CRMH recoñecen que, no camiño que emprenderon, se atopan con obstáculos ás veces incomprensibles: «Hai barreiras sociais, culturais e políticas, tanto por parte das familias dos afectados como polas institucións», explica Manuel González. Celia García afonda nesta cuestión: «Sempre poñen a escusa de que hai que pasar páxina e non abrir as feridas, cando as feridas nunca se pecharon. Hai moitas familias que seguen descoñecendo onde están os seus achegados». Por todos estes atrancos, ven no sereo de Barbantia un impulso para seguir: «Para nós é destacable o feito de que foran os socios os que, cos seus votos, nos elixiran», apunta a presidenta.

Están dispostos a seguir á procura da verdade, con máis folgos que nunca: «Non pararemos ata que se recoñeza, por parte de todo o mundo, que o acontecido foi inxusto, que as persoas que sufriron as consecuencias da represión eran demócratas que nunca usurparon o poder», conclúe Manuel González.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza: Coa verdade e a xustiza como obxectivos