Fredi: «En Barbanza sempre houbo xogadores con talento»

S. G

BARBANZA

MARCOS CREO

Comezou o seu camiño como técnico no Portosín. Da man de Luis Bonillo deu o salto ao Noia e máis tarde ao Deportivo

05 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfredo Piñeiro, coñecido nos terreos de xogo como Fredi, comezou o seu camiño como técnico no Portosín. Da man de Luis Bonillo deu o salto ao Noia e máis tarde ao Deportivo . Agora exerce como responsable dos conxuntos cadete e infantil b de San Lázaro, onde pelexa por formar a adolescentes e mozos no deporte rei.

-¿Que metas se marca para esta tempada?

-Co infantil, aproveitando que son todos de primeiro ano, queremos que melloren pouco a pouco, que asimilen os contidos que traballamos. Co cadete pretendemos seguir coa súa etapa formativa, mellorando aspectos individuais e colectivos. Á vez intentamos manter a categoría, pero está difícil. É unha xeración de poucos xogadores e a cousa púxose difícil. Levarémolo da mellor maneira, e estamos dándolle minutos a rapaces do infantil A.

-¿Cal é a súa valoración do fútbol base na comarca?

-Intentanse facer as cousas mellor. Moitos clubs traballan moi ben. Nós buscamos formar mozos para que cheguen ao primeiro equipo. Se o club está en Terceira é complicado que cheguen, pero traballamos para iso.

-¿Que fútbol lle gusta que practiquen os seus rapaces?

-A miña idea é ter o balón, mostrar un fútbol de toque onde os futbolistas vaian asimilando conceptos. No infantil estámolo conseguindo, no cadete é máis difícil, xogamos máis directo, a categoría está un paso por enriba nosa.

-¿Que papel debería ter o fútbol base?

-Para min hai que enfocalo cara o primeiro equipo. Intentar que a etapa de formación sexa longa, dende prebenxamíns ata o último ano de xuvenís. Que se asimilen obxectivos ano a ano e que isto lles permita alcanzar un nivel para xogar cos sénior.

-¿É un proxecto a longo prazo?

-Si, debemos ir paso a paso, ano o ano. O tempo dirá se as cousas se fixeron ben ou non. En Barbanza sempre houbo xogadores con talento. E estou seguro que isto seguirá sendo así nos próximos anos.