Manuel Blanco Ons: «A Xustiza non mellora porque é gran a Cincenta»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os efectos da folga dos funcionarios iniciada a primeiros deste ano seguen a percibirse ata en partidos xudiciais coma o noiés

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Blanco Ons non é desas persoas que cinguen o seu discurso ao que é politicamente correcto. Di o que pensa, e a miúdo as súas opinións no que respecta ao funcionamento da Xustiza son moi críticas cos responsables da toma de decisións. Ante a celebración da patroa dos avogados, o delegado do colexio en Noia tampouco deixa de lado a autocrítica.

-Esta semana houbo un paro dos secretarios xudiciais e hai tamén unha convocatoria dos maxistrados, está revolta a situación na Xustiza.

-Únense dous factores para que sexa así, hai reclamacións de tipo retributivo e hai o enfado por parte dos xuíces con todo este tema da manipulación groseira por parte dos partidos políticos do que ten que ser a independencia xudicial.

-¿Afectan estas novas convocatorias ao funcionamento dos xulgados?

-De momento non, porque son paros moi puntuais, foi moito máis destrutiva a folga de hai uns meses, fixo moito dano. Estas novas mobilizacións son unha incomodidade relativa porque son puntuais.

-¿Recuperouse o sistema xudicial da folga de principios deste ano?

-Tardaremos moito tempo en recuperar a normalidade porque se acumula un retraso considerable, temos por diante non menos de un ano para poñernos máis ou menos ao día en relación á situación que había antes do paro, que xa non era excesivamente áxil.

-Hai moito que mellorar entón.

-A Xustiza non mellora porque é a gran Cincenta da Administración, non se fan as inversións necesarias para avanzar, soamente se fan actuacións cosméticas, como a dixitalización, que en teoría ía axilizar os procesos e foi un atraso. Máis xuíces e máis capacitados é o que se precisa.

-¿Hai recursos suficientes en Noia?

-Noia é un partido cunha baixa litixiosidade e unha actividade económica limitada, é a tranquilidade do morto. Noia non ten problemas porque non ten actividade e trabállase con certa axilidade.

-¿Que me di do colectivo de avogados?

-O que podo dicir é que a torta ten un límite e cada vez hai máis comensais. España ten un grave problema de exceso de profesionais e a doutrina do low cost está implantada en todas partes, a xente non nos valora como profesionais cualificados, non entende o traballo que facemos. Hai unha desconfianza histórica cara os avogados e cando hai quen tende a facer as cousas de forma pouco profesional acrecéntase. Tamén é certo que nunca fixemos un esforzo claro e directo para dignificar a profesión.

Manuel Blanco Ons