O salto

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

16 nov 2018 . Actualizado a las 11:36 h.

Se un lle fai caso ás redes sociais (sobre todo a Facebook e a Twitter) podería chegar á idea de que todo o mundo por aquí é vago, algo corrupto e pouco serio e formal nos seus traballos. Ese tipo de relato que está instalado entre nós mesmos e que a min, persoalmente, anóxame bastante.

Porque eu estou mergullado no día a día do sector da cultura e traballo con persoas moi diferentes de institucións, empresas e entidades ás veces moi distintas e distantes. Traballo con xestores, investigadores, profesores, documentalistas, creativos, programadores e moitos outros ámbitos. E poño a man no lume por case todas esas mulleres e homes que traballan nos proxectos con paixón e dedicación, gastando intensamente as horas da súa vida en proxectos de outros moito máis alá do que se lles pode pedir.

Non sei que pasa noutros ámbitos da nosa economía, pero a implicación dos funcionarios e do sector privado galego da cultura en conseguir que os proxectos saian, en botar se é preciso moitas máis horas das remuneradas sen que ninguén llo agradeza nunca, é absolutamente única.

No fondo, ese relato do suposto desleixo e da vagancia, esa idea pailana de que no norte de Europa traballan máis, agacha o de sempre: o minusvalorar o traballo propio, negar as nosas propias capacidades e crear un discurso que xustifica as frustracións persoais, máis que a comprender o mundo.

Por iso doulle voltas a como podo conseguir que as novas xeracións teñan unha mentalidade que nos axude a dar o salto de xigante que Galicia pode dar.