Onte produciuse un feito sen precedentes na historia do comercio minorista, centos de establecementos de diferentes vilas participaron nunha campaña que pretendeu visibilizar a importancia do sector na realidade socioeconómica das nosas localidades. Algunha vez nos temos preguntado que sucedería se desaparecera o comercio de barrio e cales serían os efectos de producirse unha desertización urbana consecuencia diso, situación que puidemos comprobar (de xeito simulado) coa campaña de onte.
O fenómeno da desertización non é novo, xa se falou (e moito) del coa proliferación dos centros comerciais pechados non hai tantos anos, pero agora, superada en parte esa crise, atopámonos nunha de moito maior calado. É ben sabido que a situación do sector ven prexudicada dende os primeiros anos da crise e, pese a unha pequena mellora, este ano 2018 continua acumulando malos datos (o pasado mes de setembro deixounos unha caída de ventas do 3,4 %), un feito que agudiza os malos resultados acadados durante a campaña de rebaixas do verán.
Entre as causas apúntanse varias: perda de capacidade adquisitiva, falta de competitividade, diminución de confianza do consumidor e como non, a irrupción no mercado dos xigantes da venda on-line. Se ben existe certa unanimidade ao recoñecer as causas, non tanto no tocante ás posibles solucións. Dende diversos ámbitos véñense reclamando medidas urxentes como regresar a unha regulación ordenada das rebaixas (incluíndo un retraso das mesmas) ou a implantación dun plan de choque por parte das administracións públicas que axude a mellorar a súa competitividade.
Antóxase como importante traballar en diminuír a fenda dixital como un dos piares fundamentais para saír mais reforzados da situación actual, sen esquecer os tres puntos que fixeron que o sector fora altamente competitivo: calidade, proximidade e especialización.
Non debemos esquecer que o pequeno comercio aglutina ao 16 % do emprego e supón un 11 % do PIB, se ademais conseguimos a través das diferentes asociacións traballar unidos en iniciativas como a que hoxe nos ocupa, seranos moito mais fácil transmitir a importancia e o peso que temos na economía, así como acadar as transformacións necesarias para o fortalecemento e crecemento do sector.