Falar de Xustiza nestes días nos que todo o mundo anda revolucionado co ditame do Tribunal Supremo en relación co pago do imposto pola formalización das hipotecas é un pouco arriscado. Non é de estrañar tanto rebumbio porque poucas veces se viu tal esperpento a estes niveis. Un día paga o banco, ao seguinte é o cliente e, ao final, como se vía vir, segue pagando o cidadán por un contrato co que, por certo, non obtén máis beneficio que o de endebedarse por un par de décadas. O argumento de que, se trala deliberación o Supremo determinara o contrario, o imposto acabaría repercutindo igualmente no cliente ao encarecerse as hipotecas, non ten importancia. Despois dos rodeos que deu o alto tribunal con este asunto o que pasou, o máis grave, foi que se desprestixiou a Xustiza, que por outra parte tampouco pasaba polo seu mellor momento.
Nisto das leis hai moitas cousas que custa comprender, sen que diso sexan responsables os tribunais que xulgan e ditan sentenzas, senón uns textos que en moitos casos conviría revisar porque de xustos non teñen demasiado. Un caso recente e flagrante é o da Manada, cunha condena por abusos sexuais porque, polo visto, non houbo violencia suficiente no ataque a unha moza de 18 anos por parte de cinco tipos. Danse paradoxos coma que esta semana a Fiscalía pedía tres anos de cárcere -un terzo da pena imposta á Manada- para unha persoa que roubou un bocadillo intimidando ás dependentas cunha lata. De acordo con que o susto das pobres traballadoras debeu ser para non durmir durante uns días, pero a dimensión do castigo que se pide non me parece proporcional ao mal causado.
Seguindo coa lista de situacións incomprensibles -polo menos para o meu sentido común- nisto das leis, está o caso do Concello de Rianxo, que ten moitas papeletas para saír derrotado do proceso xudicial iniciado por unha moción na que pedía o boicot a empresas e produtos israelís. Xa pasou anteriormente, a pesar de que os acordos adoptados polos grupos políticos defenden unha causa xusta, que non é outra que a liberdade para o pobo palestino. O seu embaixador estivo na comarca hai unhas semanas, e escoitándoo calquera apoiaría as demandas formuladas pola corporación rianxeira. Contou detalles como que Israel controla o 84 % da auga da que se abastecen os palestinos, que ademais a pagan cinco veces máis cara, e lanzou mensaxes que nada deberían ter de reprobables. O principal é que os cidadáns do seu Estado queren unha vida normal. Sen guerra, en paz. O feito de non mirar para outro lado e dar un paso, aínda que sexa simbólico, para reivindicar isto non debería ser castigado pola Xustiza.