A Pobra salda a débeda con Rei Ballesteros

O escritor contará cunha rúa, unha escultura de Manuel Teira e será postulado para o Día das Letras Galegas


Naceu en Boqueixón, pero A Pobra foi o refuxio de Anxo Rei Ballesteros na última etapa da súa vida. Por iso hai tempo que desde esta vila e desde o eido cultural de Barbanza en xeral se viña reclamando unha gran homenaxe para el. E esta ao fin vai ter lugar. Chegará en forma de rúa, escultura e mesmo o traslado dunha petición á Real Academia Galega para que lle sexa dedicado o Día das Letras Galegas no futuro.

Ese ansiado recoñecemento, froito dunha alianza entre Barbantia, o Concello da Pobra e a Deputación da Coruña, arrancará o mércores coa presentación de Dezanove badaladas, unha obra inédita de Anxo Rei que chega ás librarías da man da editorial Galaxia. Trátase da primeira novela escrita en galego por este autor falecido hai unha década, que redactou cando tiña 17 anos. No acto, que será ás 20.30 horas no auditorio Valle-Inclán, intervirá a cantante Cris Román.

Charla e placa

As xornadas continuarán o día 24, cunha conferencia a cargo de Manuel Castelao baixo o título A nebulosa de Anxo: Loaira revisitada. O relator ofrecerá unha viaxe pola obra de Rei Ballesteros, para concluír coa intervención musical do dúo Barahúnda, formado por Helena de Alfonso e José Lara.

E o 28 chegará a culminación, pois descubrirase nas inmediacións da praza do Emigrante unha placa que permitirá perpetuar a memoria do autor, que pasará a darlle nome a unha rúa. O acto transcorrerá ao son das gaitas de Xiada e concluirá cun recitado de poemas a cargo dos amigos do escritor.

A gran homenaxe a Rei Ballesteros non concluirá aí. Tal e como se anunciou onte nun acto que tivo lugar na casa consistorial da Pobra, o escultor Manuel Teira fixo unha escultura en memoria do escritor que tamén se descubrirá o 28. Ademais, o rexedor, Xosé Lois Piñeiro, e o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, expuxeron que se solicitará que se lle dedique o Día das Letras do vindeiro ano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A Pobra salda a débeda con Rei Ballesteros