Nuco Losada: O artista que emerxeu do impulso popular

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Os veciños déronlle o pulo que precisaba para crear e mesmo para abrir o seu propio museo en Rianxo

23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cústalle a Nuco Losada lembrar en que momento empezou a crear. Confesa que tería que viaxar no tempo uns 30 anos e situarse naqueles barcos nos que percorreu medio mundo para verse dándolle forma aos seus primeiros traballos, óleos aos que non lle concedía demasiado valor. Tanto era así que, a maior parte, acabaron sendo agasallos para os membros da tripulación. Foi unha desas travesías a que cambiaría para sempre a súa vida como artista. Nunha estancia nun pequeno peirao das illas Fiji atopouse sen pinturas coas que desenvolver a que xa era a súa gran paixón, así que, lonxe de mudar de afección, elaborou unha talla dun deus maorí. Eran os comezos do gran escultor que é hoxe en día o rianxeiro.

Despois daquela figura chegou a seguinte e así sucesivamente. Cantos rodados, ferro, madeira, arame... case calquera material lle servía a Nuco Losada para converter en esculturas as ideas que ían fluíndo no seu maxín. A maior parte delas vinculadas coa súa terra, coas tradicións e coa cultura. Así ata que chegou un momento que contabilizou no baixo da súa vivenda preto dun cento de pezas. Aínda entón el non lle daba á súa colección particular demasiada importancia, pero os veciños propináronlle o empurrón definitivo: «Empezou a vir xente por aquí que quedaba sorprendida co que vía e que me animaba a amosar a miña obra. Pensei que, se tanto gustaba o que facía, tería que seguir».

Satisfeito coas visitas

E decidiu seguir incrementando a súa colección e seguir amosándolla ao público. Así naceu un museo que hoxe é un referente en Barbanza: «Aínda que estea mal que o diga eu, os visitantes que veñen saen de aquí sorprendidos, xa que non esperan atopar tantas obras». El goza vendo a satisfacción debuxada nos rostros dos seus convidados. Con gran ledicia fai balance das visitas: «O ano que máis tiven foron ao redor dun milleiro. O resto, menos, pero non me queixo. Nos case dez anos que leva aberto penso que pasarían entre catro mil e cinco mil persoas». Quizais cando teña tempo comprobará o dato, xa que a única entrada que cobra a cambio de acceder ao museo é unha rúbrica no libro de visitas.

Aos que acceden á sala, hai unha peza que lles chama especialmente a atención, quizais pola forma que Nuco ten de explicarlles a súa simboloxía con todo luxo de detalles. Trátase dunha escultura sobre a emigración. Tamén o artista rebela que é un dos seus fillos preferidos: «Creo que é moi complicado reflectir o drama da emigración como está nesa escultura». A peza consta de catro figuras, unha delas, unha muller embarazada: «O bebé ten un pé na terra, pero a irmá pequena trata de evitar que saia mentres a nai se pregunta mirando ao ceo por que lle está acontecendo isto. O fillo mediano, de puntillas, empeza a asumir o rol de protector da familia...». Asegura que chegou a ver á xente chorando mentres pronunciaba estas palabras ao pé da figura.

Preferencia polo abstracto

Aínda que moitos dos seus traballos falan por si mesmos, a maior parte teñen un significado agochado: «O que máis me gusta é o abstracto, porque amosas o que levas dentro, non uns trazos do que ves, senón do que sentes». Nesa liña se sitúa a Santa Compaña, o monumento de Nuco Losada que desde hai unhas semanas engalana o paseo marítimo rianxeiro. Semella un conxunto escultórico vinculado á literatura, pero é moito máis. Representou unha ducia de escritores para referirse á morte: «Quería falar dos nosos devanceiros, dos que van alá e da tradición da Santa Compaña. Nos extremos da figura situou dous nenos: Rañolas, personaxe de Castelao, e Matapiollos, de A fiestra valdeira, «para espertar a tenrura do público».

Deixar este monumento no seu Rianxo é para o artista un soño feito realidade. Hai varios anos que a escultura esperaba ese día: «Era unha espiña que tiña cravada. Esta obra tivo a oportunidade de viaxar a outros lugares, pero non quixen, sempre ansiei que quedara aquí». Nuco Losada está agora nun período de descanso, pero sabe que en calquera momento se poñerá de novo mans á obra: «Non teño problemas de inspiración. Reacciono por impulsos e en canto me xorde unha idea materialízoa. Por iso nunca penso no que vou facer no futuro».

A obra. Aínda que regalou moitas figuras e vendeu outras, Nuco calcula que ten entre 500 e 600 traballos.

O museo. O escultor amosa preto de 200 figuras no museo que ten na súa vivenda de Rianxiño. A sala abre de luns a sábado. É posible concertar visitas guiadas polo propio artista.