Álvaro Sieira: Conquistando as rúas co piano

O boirense participa na nova edición dos Vermús Musicais cun repertorio clásico

M. G.
Ribeira / la voz

Imaxínense por un momento camiñando polas rúas de Boiro. A medida que avanzan cara o centro da localidade, a música comeza a soar cada vez máis forte. Beethoven, Chopin, Liszt... Son temas, composicións que recoñecen, pero non son quen de identificar de onde saen esas notas. Probablemente, o responsable da súa confusión sexa Álvaro Sieira. A este boirense propuxéronlle facer un concerto na súa vila natal e non o dubidou, aínda que iso supuxera sacar todo un piano de cola á rúa. «É raro atoparse cun recital así cando vas pola paseando tranquilamente, pero precisamente por iso me parece unha idea incrible. Creo que todos os músicos deberían experimentar isto unha vez na vida», afirma o pianista.

A relación de Sieira co piano é desas historias de amor que necesitan unha pausa, que precisan botarse de menos para logo volver con máis forza e para sempre. Comezou tocando as primeiras notas na Escola de Música de Boiro, antes de pasar a ser un dos alumnos avantaxados do mestre Enrique Paisal. Pero cando rematou os seus estudos no Conservatorio Profesional de Ribeira, o boirense deixou de tocar. «Tiven que elixir, porque entre os estudos e o fútbol non me daba tempo a nada máis», explica Sieira. Compaxinou a carreira de Matemáticas co deporte, ata que a morriña musical tocou as súas teclas: «Botaba moito de menos o piano, aínda que o tocara ás veces pola miña conta, e nese momento coñecín a Martín Millán». O profesor de Vilaxoán, que imparte clases nunha academia santiaguesa, deulle ao músico boirense o último empurrón para que, entre a calculadora e a pelota, elixira sempre os pentagramas.

Na actualidade, estuda a titulación superior no conservatorio da Coruña e, con toda probabilidade, o próximo ano converterase en pianista profesional con todas as letras. Mentres tanto, Sieira vai gañando táboas como intérprete solista sobre os escenarios de teatros e auditorios galegos. Ou sobre o firme das rúas barbancesas, como fixo o primeiro domingo de agosto na súa vila natal, no marco dos Vermús Musicais.

Profeta na súa terra

«Tocar na casa sempre é especial, aínda que sexa na rúa», afirma Sieira. Só ante o piano, coa compañía das partituras, o boirense ofreceu un recital que, sendo de temática clásica, non deixou indiferente a ningún dos incrédulos espectadores que paseaban ou tomaban un aperitivo nas terrazas da rúa peonil. «Para esta ocasión, escollín un repertorio formado polas obras máis destacadas dos máis destacados, que funcionara como un achegamento a este tipo de música para o público xeral», conta o pianista, que tamén interpretou composicións máis contemporáneas, como a banda sonora da película El Pianista.

Din que ninguén é profeta na súa terra, pero con este currículo é difícil non selo. Álvaro Sieira repetirá concerto na comarca o 2 de setembro. Desta vez, non xoga na casa. A localización elixida é A Pobra do Caramiñal, onde volverá a conquistar as rúas co seu piano. O repertorio será similar, aínda que o músico non descarta introducir «algunha sorpresa». Pendente de fixar a data está o seu concerto na Pousada das Ánimas, de novo en Boiro.

O pianista recoñece que tocar ao aire libre ante un público descoñecido é todo un reto: «A xente non vai verte, como van a un auditorio. Fóra todo depende de ti; préstanche atención só se es capaz de enganchalos. Hai quen está tomando algo e, de repente, queda calado mirándote. Ese momento no que lle chegas a alguén así coa túa música é o mellor que che pode pasar».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Álvaro Sieira: Conquistando as rúas co piano