María del Pilar Ares: «Toco as campás como se fixo toda a vida»

Laura MARTÍNEz / M. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Foi homenaxeada pola comisión de festas de Lampón polo seu labor na parroquia

18 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aí está, 12 anos despois, abrindo unha xornada máis a igrexa de Santiago de Lampón. «Non faltei un só día ao traballo», asegura María del Pilar Ares, sancristá e campaneira do templo. Veterana no oficio, é unha das poucas mulleres da comarca do Barbanza que se ocupa das tarefas que tradicionalmente se consagraron aos homes. Si, hai máis exemplos. É certo que en moitos lugares hai unha ou dúas veciñas que se encargan de que a igrexa estea en perfecto estado; noutras, incluso algunha toca a campá. Pero Pilar Ares cobre todos os flancos posibles.

Prepara o misal e as vestiduras do párroco para a liturxia diaria, ordena o altar, vende as candeas, pasa o cepillo e colabora na sancristía anotando as misas e realizando outros recados. Tamén se encarga de abrir e cerrar o templo para a celebración das misas, que en Lampón son todos os días do ano, os domingos por partida dobre. E isto faino Pilar Ares «chova, trone ou vente». Tanto é así que a sancristá afirma que chegou a acudir ao traballo con gripe, e non porque non se lle permita ter unha xornada de descanso: «Teño todo da miña man e non me gusta que ninguén me ande a cambiar as cousas de sitio». Este labor entregado na parroquia valeulle unha inesperada homenaxe por parte da comisión de festas de Lampón, da que tamén forma parte.

Todo empezou con Amelia Mato, a súa predecesora, outra muller. Ares iniciouse no oficio secular botándolle unha man na igrexa para, pouco a pouco, ir profesionalizándose ata tomar o seu relevo alá polo ano 2006. Tamén tivo un papel importante o actual párroco do lugar, Marcelino Sánchez. «Ensinoume a tocar a campá, aínda que algo xa aprendera», conta esta veciña de Escarabotiño, en Boiro.

No plano musical, Pilar Ares toca todos os paus. Dá igual que soen os repeniques porque se conmemore un aniversario, porque sexa un día de celebración ou simplemente para anunciar que vai comezar a misa. Tamén se falece algún veciño a sancristá é a encargada de dar as badaladas, que en Lampón presentan a especificidade (cada parroquia ten a súa) de que se o defunto é home comeza soando a campá de maior tamaño, mentres que se é muller a que debe iniciar o sinal é a pequena.

En perigo de extinción

Ademais da falta de vocación propia dos novos tempos, a incorporación das novas tecnoloxías nas igrexas está contribuíndo á desaparición do tradicional oficio de campaneiro. Non é o caso de Lampón, polo menos mentres esa tarefa corra a cargo da actual sancristá: «Toco as campás como se fixo toda a vida, manualmente e subindo polas escaleiras da torre do campanario». Aínda que iso supoña empaparse cando hai chuvias. «Xa teño na igrexa un chuvasqueiro preparado para esas ocasións», afirma María del Pilar.

Ela vive o seu traballo coma unha verdadeira vocación. Mirando de esguello o calendario, agarda a que cheguen as citas litúrxicas máis esperadas do ano. Todas son importantes para ela, pero se ten que escoller algunha, a sancristá queda coa cabalgata de Reis, organizada pola propia parroquia: «É un dos días que máis horas traballo, pero tamén nos que máis gozo».

Cando dan as oito da tarde, ten que deixar o que estea facendo para abrir o templo aos fregueses: «Non me gusta que a xente estea esperando na porta». Antes de que chegue o cura, prepara o altar e mira o libro que ten sobre a mesa da sancristía para seleccionar a casula apropiada. Hoxe toca verde. Así é como Pilar Ares se sente realizada: «Encántame ser sancristá».