Maite Mosconi: Un «Xogo de Tronos» á galega

L. MARTÍNEZ / A.l. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cedida

O libro que acaba de publicar a rianxeira narra a chegada de Breogán a Galicia

06 ago 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Unha guerra civil dinástica entre varias familias de nobres que aspiran a ocupar un trono; a ameaza de seres mitolóxicos malignos; un elixido designado para liberar un pobo. Non, non é o argumento de Xogo de Tronos, o libro que revolucionou a literatura fantástica e que saltou con éxito á gran pantalla. É a historia de Gaedheal, o que na actualidade coñecemos como Galicia, e que agora a rianxeira Maite Mosconi conta na obra coa que debuta como escritora. «Non entendía que non houbese unha historia deste tipo ambientada en Galicia, cando aquí temos un fondo de lendas e mitos suficientes para crear infinidade de mundos», explica a autora.

O certo é que Gaedheal: Libro I de las Invasiones non ten nada que ver coa obra de George R. R. Martin. Tampouco naceu como inspiración desta. «Era unha idea que xa estaba na miña cabeza dende hai moitísimos anos», afirma Mosconi. Pero a miúdo os escritores teñen que armarse de paciencia e agardar a ser visitados polas musas, ou neste caso, polas meigas: «Unha noite soñei cunha das protagonistas do libro, unha meiga que cruzaba unha porta nun monte de Irlanda e chegaba a Galicia. Sabía que ese era o principio da miña historia». Deste xeito, nace un relato que trae ao rei Breogán a terras galaicas e que se constrúe sobre a premisa da investigación, pero tamén sobre unha imaxinación alimentada ao longo dos anos con historias da mitoloxía galega e as lendas celtas.

«Meu pai foi o mellor contacontos que tiven. Levábame de ruta polas vilas de Galicia e íame explicando a historia dos seus monumentos e anécdotas que lle pasaran ás xentes do lugar», conta a rianxeira. Confesa que a súa familia ten moita responsabilidade na publicación deste primeiro libro, un mérito que comparte con autores clásicos da literatura fantástica como Brandon Sanderson, Patrick Rothfuss e, por suposto, J. R. R. Tolkien: «O señor dos aneis é o meu libro de cabeceira. Sempre recorro a el cando necesito inspiración para continuar escribindo as miñas historias».

Unha triloxía

O éxito da ópera prima de Maite Mosconi motivou á escritora a seguir relatando a viaxe de Breogán, algo que xa se intuía no propio título da obra: «Sempre a pensei como unha triloxía». A segunda parte xa está en camiño, e neste novo volume foron os lectores os que esbozaron unha parte importante do transcurso da historia. Son as consecuencias de publicar en tempos de redes sociais. «Autoeditar é moi gratificante. Permíteche estar en contacto permanente coa túa obra e tamén co público. Coñeces que cousas funcionan e cales non, os personaxes cos que se identifican, as tramas que adquiren relevancia», explica a autora de Gaedheal.

A maiores, Mosconi tamén pensa editar dous volumes de relatos que sirvan para complementar a liña narrativa principal e que se publicarán entre cada un dos libros da comentada triloxía. O primeiro deles contará como era o mundo antes da creación de Gaedheal, e que levou a Breogán a iniciar o seu periplo a terras galegas. Sairá á venda previsiblemente no próximo mes de outubro.

A autora rianxeira non quere desvelar por onde decorren as novas aventuras que recollerán os vindeiros libros. Nin sequera se o lendario rei vai pisar chan barbancés, un territorio que conta con ducias de asentamentos castrexos catalogados: «Direi que neste primeiro volume as familias celtas non coñeceron a miña terra, pero iso non significa que non o vaian facer máis adiante. Non fagamos spoiler».