Josefa Hermo: «Hai que tratar de apoiar aos emprendedores»

Ana Gerpe Varela
a. gerpe RIBEIRA

BARBANZA

gerpe

A concelleira recalcou a necesidade de articular medidas para que a poboación moza quede no municipio

19 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A voceira do PSOE no Concello de Porto do Son, Josefa Hermo, falou no espazo Cita co Concello de Radio Voz Barbanza das propostas defendidas polo seu grupo e do traballo da oposición que dixo «en certo sentido estamos atados de pés e mans».

-¿Cales son as principais carencias para o seu partido?

-Os socialistas demandamos servizos básicos, como o saneamento integral. Non defendemos as grandes obras, nun momento como o actual, senón ter un municipio cun carácter social e cultural. Presentamos mocións para o saneamento das parroquias da zona sur, como Caamaño, Xuño ou Queiruga, que carecen desta prestación. As nosas iniciativas botáronse abaixo e, a un ano das eleccións, o executivo está acometendo agora esas obras.

-¿E no eido social?

-Pensamos que a piscina municipal non está ben explotada e fixemos un plan con propostas, como ofertar cursos para maiores ou embarazadas e establecer acordos con distintas asociacións. Fíxose burla da nosa aposta por establecer un cheque bebé, e resulta que a Consellería de Política Social estableceuno hai uns meses. Os socialistas pensábamos que era bo para as familias sonenses con poucos recursos ter unha tarxeta coa que adquirir no municipio produtos para os seus fillos. En setembro, co inicio de cada curso, presentamos un plan de educación municipal co propósito de que se facilite a conciliación e temos proposto que mediante as entidades de pais ou direccións de colexios se estableza un comedor alí onde faga falla.

-Agora vaise levar a cabo a reforma da fachada marítima, un asunto que xerou reaccións opostas no último pleno.

-Foi un alcalde do PSOE o que deixou esta obra enriba da mesa e o PP botouna abaixo. Os sonenses xa poderíamos estar disfrutando dela hai oito anos.

-Pero o BNG expresou os seus reparos e gobernaba en coalición co PSOE cando se proxectou

-Penso que os reparos do BNG veñen dados porque con esta obra non se van resolver os problemas que ten o municipio, que precisa que parellas mozas se establezan aquí en lugar de marchar a outros lados.

-¿Que pode facerse desde o Concello para gañar poboación?

-Hai que tratar de apoiar aos emprendedores e ás pequenas empresas, algo que o Partido Popular non está a facer. Débese fomentar o pequeno comercio, porque no municipio observamos que abren e pechan negocios con moita facilidade. Temos un viveiro de empresas que non se está a potenciar, úsase unicamente para impartir cursos. Para ter novas empresas no municipio hai que ofrecer alternativas. E verdade que Porto do Son medra nas tempadas estivais e vacacionais coa chegada dos turistas, pero precisamos algo máis que iso.