César Lombera: As mans que esculpen o mar

L. MARTÍNEZ / s. g. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

O artista manifesta que está vinculado á bisbarra desde a súa xuventude

17 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando César Lombera era só un cativo xa tiña moi claro que o seu mellor xoguete era a area da fundición que abrira o seu pai ao chegar a Galicia dende o País Vasco. Alí, á beira da ría de Arousa, coas mans e as roupas luxadas, comezou a darlle forma á que se converteu na súa paixón: a escultura. Agora, unha exposición na galería Mundo Creativo de Boiro amosa o crecemento e evolución deste artista que baña gran parte das súas ideas en augas do Barbanza.

«É unha mostra retrospectiva e máis ou menos representativa de toda a miña obra, onde se quixo plasmar a variedade de técnicas que emprego nos meus traballos», afirma Lombera. Unha obra que se caracteriza polo seu eclecticismo e na que aparece de maneira recorrente a temática marítima, a través de sereas, atúns ou golfiños esculpidos en aluminio. Tampouco faltan as figuras vinculadas á cultura popular galega, como Maruxa e Coralia Fandiño, máis coñecidas como As Dúas Marías. Sen dúbida, a estrutura orixinal da escultura destas irmás que está situada na Alameda de Santiago está a ser o prato estrela da exposición. O artista recoñece que esta peza é a máis especial que creou: «Custoume nove anos sacar o proxecto adiante, pero valeu a pena porque agora todo o mundo coñece a súa historia».

A obra escultórica de César Lombera viuse eclipsada polo éxito desta reprodución. Pero un Alfredo Brañas en Carballo, un Valle-Inclán en Pontevedra e outro en Santiago, ou a imaxe do Carrabouxo de Ourense son testemuñas públicas da súa dilatada carreira. «É das primeiras veces que teño a oportunidade de expoñer nunha sala privada, xa que a maioría das mostras que veño facendo foron a nivel institucional. Basicamente, os meus traballos son obras públicas e están na rúa accesibles a todos», explica o escultor.

Mundo mariño

Precisamente Boiro é un dos escenarios nos que se poden ver algunha das súas creacións. A fonte da Cachada, inspirada no mundo das sereas, cristalizou a relación do artista coas dúas temáticas das que bebe a súa obra. Por un lado, Barbanza: «Estou vinculado á comarca dende a miña xuventude e non só profesionalmente. Teño unha vinculación especial coa praia de Corrubedo». E por outro, o mar: «Sempre vivín en zona costeira e iso marcoume tanto a min coma ao meu traballo. Incluso ata hai pouco practicaba mergullo e facía pesca submarina».

Realmente o que lle interesa a César Lombera é o que hai debaixo desas augas. Por iso, ademais de esculturas metálicas, na exposición boirense exhíbense unha serie de pinturas de forma circular, ao modo de ollos de boi, a través dos que os visitantes poden observar o fondo mariño.

Cos caixóns cheos de proxectos por emprender, o escultor compaxina na actualidade a exposición das súas obras coa creación de pezas en pequeno formato, «que sempre son máis vendibles», afirma o artista. Porque segundo Lombera, corren tempos difíciles para a escultura: «Se antes xa era complicado, agora máis. Traballar cun material nobre coma o bronce para as pezas de exterior é caro, e son custes que os concellos non sempre poden asumir».

Pero o próximo xa está en camiño. O escultor está ultimando o primeiro molde da figura de Isaac Díaz Pardo. «Ademais dun gran escritor, era un excelente pintor e un promotor da cultura galega coma poucos», conta Lombera. A súa figura acompañará ás das Marías e Valle-Inclán na Alameda santiaguesa.

Mostra retrospectiva. A exposición, que recolle as pezas máis representativas da traxectoria do artista, pódese visitar de xeito gratuíto na galería boirense Mundo Creativo.

Obras públicas. A maior parte dos traballos de Lombera pódense ver nas rúas das vilas e cidades galegas. É o caso da escultura das Marías en Santiago ou a fonte da Cachada de Boiro.