Apoio a causas solidarias

La Voz

BARBANZA

29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 2010, Helena de Alfonso (Madrid, 1971) e José Lara Gruñeiro (1967) aproveitan o impulso do bo vento do sur e deciden viaxar a Galiza, encontrando na pequena aldea de Abuín o seu fogar.

O primeiro concerto de Barahúnda en territorio galego foi na Pousada das Ánimas, recibindo o abrazo hospitalario do seu grande amigo Suso Santamaría. Desde entón, foron moitos os concertos por todo o país, pisando habitualmente os palcos de salas tan míticas como A Arca de Noé en Vilar de Santos, a compostelá Casa das Crechas, O Clavichémbalo en Lugo, ou o Eido Dourado en Barreiros (Lugo). Así mesmo son frecuentes as colaboracións co grupo teatral Os Quinquilláns.

Se por algo se caracteriza Barahúnda é por ter apoiado innúmeras causas culturais e solidarias. Aínda en Madrid, as súas cancións acompañaron o Non á Guerra, a loita do pobo palestino, ou as protestas ante a pésima xestión do desastre do Prestige. Ante a embaixada de EE.UU. partillaron micrófono con Paco Ibáñez, poñendo voz á indignación polo asasinato de José Couso. Xa na Galiza continuaron a súa loita solidaria, sendo unha das formacións habituais nos concertos en apoio ao pobo sahariano.

En Lisboa

Ultimamente, Barahúnda viaxou en varias ocasións a Lisboa para actuar en actos organizados pola Asociación José Afonso (AJA), sendo convidados polo Concello de Rianxo para representar os rianxeiros e rianxeiras na inauguración da lisboeta Biblioteca Castelao.

Agora, vinte anos despois do nacemento do grupo, está a piques de ver a luz un novo traballo discográfico, onde unha vez máis estarán acompañados por Txema Mawenya e José Luís do Pico Orjais, e a colaboración de grandes amigas como a frautista e acordeonista Sabela Galbán.

Este verán, en agosto, os Barahúnda estarán novamente na Praza de Dieste, mostrando o seu novo repertorio e algún dos temas máis populares dos seus anteriores traballos.

E como cada ano, no 2019 tocarán en xaneiro na sala madrileña Galileo, e o 25 de abril en Rianxo, nun concerto de portas e xanelas abertas, onde cada ano resoa con máis forza o Grândola Vila Morena.

Barahúnda veu vivir onda nós, sementaron melodías e naceron cancións. Obrigad@s.