Camiños de auga

Ruta polo río Tambre dende a central hidroeléctrica ata o encoro


O día amencía fresco e húmido prometendo calor abafante. Un abrente, no que o resío se enfrontaba á evaporación baixo os ameazantes raios de sol, retrotraíame a aquelas mañanciñas de veráns xa vividos. Eses días da infancia onde, co curso rematado e un longo tempo por gastar, as xornadas antollábanse eternas, cheas de xogos ao aire libre por entre hortas, prados e bosquetes próximos que deshumanizaban o centro do pobo. Non atopo mellor fórmula para trasladar esas sensacións aos meus fillos, afeitos á monotonía nunha vila cada vez máis compactada entre o formigón e o asfalto, que facelos partícipes dunha andaina por terras de auga e monte.

A ruta elixida parte da antiga central hidroeléctrica do Tambre, un rexo edificio de granito, material adherido ao ADN do seu creador, Antonio Palacios. Aquí dedicámoslle un momento a escudriñar o plano da contorna e calcular tempos que nos permitan gozar sen atrancos da xornada. O camiño levaranos, augas arriba, ata o encoro do río.

Os primeiros pasos condúcennos cara á ponte colgante, un lugar de obrigada visita mais pouco apto para aqueles que sofren dunha vertixe extrema. Dende esta atalaia constatamos unha realidade común aos nosos espazos naturais: a perda dos riscos primixenios, avalada polas nosas neglixentes actuacións sobre o medio. Neste caso, as acacias negras e os eucaliptos, especies invasoras asentadas á beira do río, desprazan a flora autóctona, privando a paisaxe dos tons camaleónicos dos bosques de galería.

Gañando naturalidade

Río arriba, a canle vai gañando en naturalidade, conservando aínda vestixios da actividade pesqueira tradicional, ferida de morte pola posterior construción do encoro. Son espazos onde o río alterna tramos de moderado estreitamento, de augas ceibes impacientes por mesturarse no esteiro, con outros de augas domadas, acomodadas en pequenos remansos.

A morfoloxía das ribeiras denota a dinámica das correntes. Aló, onde a corrente acada maior velocidade, na marxe convexa da canle, o río teima en erosionar o duro granito. Na ribeira contraria consegue acumular os sedimentos transportados, formando pequenos depósitos de area e coídos. Aos cativos chámanlles a atención unhas cavidades de bordes redondeados escavadas no leito. Quen fixo iso? preguntan. Son marmitas de xigante! respondo adiviñando a súa reacción. Non me equivoco. Os rapaces, incapaces de disimular o seu asombro polo termo, danme pé a explicarlles a súa xénese, relacionada co impacto de fragmentos de rocha movidos pola acción xiratoria da auga dentro da cavidade. Nada sobrenatural no proceso.

Lugar sombrío

Logo dun tramo de ascenso moderado, a senda introdúcenos nun lugar sombrío de vexetación espesa, impenetrábel á luz solar. En resposta a este escenario, o chan e os bordos rochosos do sendeiro tornan nun manto verde e húmido favorecendo a retención de auga en pequenas charcas. Unha morea de ras alborótanse ao sentir as vibracións dos pasos, e brincan áxiles entre os nosos pés para desaparecer na lama. Hai que ir con tento.

Os camiñantes solicitan un intre de descanso para acometer a penúltima parte do percorrido, na que gozaremos dun espectacular reduto de bosque atlántico, conformado por unha gran diversidade de frondosas autóctonas (carballos, castiñeiros, cerquiños, cerdeiras, bidueiros...), antes de alcanzar a canle artificial de derivación da central.

Os últimos quilómetros da ruta, sempre a carón desta canle, achégannos ao pé da formidable parede que retén as augas do río. «Papá, e nós non estabamos a fuxir do formigón?». Madía leva!

Vontade de poder, o motor da vida

Traballando a Nietzsche en clase de filosofía vimos distintos aspectos que criticaba: a filosofía, a relixión e a ciencia. Chamoume a atención que criticase a ciencia por ser demasiado mecanicista e positivista; é dicir, porque rexeita que os seres humanos actuemos como máquinas, de xeito predicible, e porque defende que hai unha forza, que fai que o ser humano actúe ansiando ser cada vez máis e máis. El chámaa vontade de poder, e non vou definila porque, como diría el, mataría con conceptos algo inexplicable.

Se ben é certo que no día a día realizamos accións rutineiras, hai moitas outras que levamos a cabo grazas a esa forza interna que nos dá o empuxón necesario para ansiar ser máis, facer máis, lograr máis. Polas mañás, por exemplo, ao preparar o almorzo, collemos unha cunca e engadímoslle leite, iso é rutina; pola contra, cando sona o espertador, aínda que nos gustaría seguir durmindo, erguémonos co obxectivo de comezar un novo día con novas oportunidades. Iso é vontade de poder.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Camiños de auga