José Sobradelo: Unha parte da historia de Leiro

BARBANZA

15 jun 2018 . Actualizado a las 11:26 h.

Tiven moita sorte porque coñecín a todos os meus avós, e porque aínda conservo a dous deles. Pero iso non quere dicir que unha non poida «adoptar» outros avós, e no meu caso fíxeno con uns cantos. Porque cando unha ten unhas amizades coma as miñas, a súa familia tamén é case propia, por iso a morte do avó José de Or foi un shock.

José Sobradelo Mosquera puido manter a súa independencia ata o último día, e iso é algo que ten moito valor para unha persoa coma el, á que nunca lle gustou depender de ninguén, que gozou da vida e que o fixo ademais dunha forma activa. Xa xubilado, viaxou mentres puido, ía á ximnasia de mantemento, ás clases de memoria... E non perdoaba as chiquitas dos domingos antes de comer. Gustaba dos bailes no club de xubilados coa súa dona, facíalle chistes a quen quixera escoitalo e tamén facía arrabear á bisneta maior canto podía porque os dous se divertían así. Tiña o seu aquel presumido, e tamén era algo fachendoso. E foi testemuña directa do descubrimento do casco de ouro de Leiro, así que, á súa maneira, forma parte da historia da parroquia.

Era desas persoas que se fan notar, por iso a súa familia e os seus amigos o botarán tanto en falta. Hoxe despedirano, a partir das 19.30 horas, na igrexa parroquial de Leiro.