Gonzalo Trasbach
Houbo un tempo, cando nós eramos uns mozotes que tamén xogaban a ser uns machotes, nos que ninguén se atrevía a cruzar polo adro da igrexa. Mesmo os homes feitos e dereitos agardaban ao canto dos galos na amañecida para baixar á praia polo camiño pegado á horta da reitoral. Daquela, dende a nosa casa mesmo se ouvían cantar os galos da Devesa.
Canto tempo fai, miña raíña, que non escoitamos o canto dun galo? Agora só ouvimos o asubío do merlo, esa feliz forma negra de pico amarelo saudando dende entre as pólas das árbores do parque a chegada dun novo día, un pouco antes de que a mañá se emborrache de luz solar.