O concelleiro expresa o desacordo cos orzamentos do goberno, que considera electoralistas e irreais
31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O voceiro do BNG na corporación da Pobra, Ramiro Ouviña, falou no espazo Cita co Concello de Radio Voz Barbanza sobre a cuestión de confianza presentada polo goberno para aprobar os orzamentos e sobre os proxectos que os nacionalistas consideran esenciais para o municipio.
-¿O BNG nunca se plantexou chegar a un acordo co PP para presentar a moción de censura?
-A moción implicaría que dous grupos tan distintos como BNG e PP chegasen a un acordo. Significa a presentación dun candidato e dun goberno que tería que facer uns orzamentos novos, porque a causa principal de levala adiante sería o desacordo coa proposta económica do executivo. Entre unhas cousas e outras entrariamos no outono, co que a este posible novo goberno só lle quedarían uns meses de traballo ata as eleccións. Ademais, os programas e o pensamento de BNG e PP son antagónicos. Por poñer un exemplo, no contrato presentado polo BNG cos seus electores no 2015 levabamos a creación de bolsas de alugueiro de vivendas e medidas para o apoio do comercio. A proposta do PP era alongar o peirao comercial.
-Vostedes foron moi críticos cos orzamentos, ¿considera que se hipoteca a posible entrada dun novo goberno tralas eleccións do 2019?
-O BNG non cre nos orzamentos de Nós Pobra. Considerámolos electoralistas e irreais. Estamos en total desacordo con moitas cousas que presenta o executivo. Na súa proposta económica faltan por desenvolver infinidade de mocións que foron aprobadas en pleno. Hai proxectos, como o do museo Valle-Inclán e a praza do Cantón da Leña, feitos sen consenso. Tamén sorprende que se invistan cartos en instalacións que non son propias, como é o caso do edificio do Lagar. O goberno afirma que está en trámites de adquirilo, pero nos orzamentos non figura ningunha partida para iso. O que se quere facer no Lagar co nome de casa da mocidade é un delirio do alcalde. Hai instalacións públicas para facer iso, como no edificio emblemático da escola do Camiño Ancho.
-Unha das queixas do seu partido é que se aproban moitas mocións nos plenos que logo non se levan a cabo.
-As mocións aprobadas son tan numerosas que permitirían facer unha Pobra nova. Hai unha inacción de Nós Pobra, é incapaz de levar a cabo os seus propios soños. O BNG, cos orzamentos que rexeitamos, propuxémoslle que incluíra neles as iniciativas que se aceptaron por unanimidade, as que quixera, pero non se fixo. No 2015, a corporación acordou a posta en marcha dunha escola infantil e aínda estamos agardando a que se aprobe a dotación orzamentaria para mercar o terreo que deberá poñerse a disposición da Xunta. Pasaron tres anos.
-A accesibilidade é outra das teimas nacionalistas.
-Hai distintos problemas aos que é preciso buscar unha solución. Consideramos necesario un plan, que foi o primeiro que pedimos. Hai que elaborar un proxecto que defina as necesidades e ir zona por zona.