As e Os=?

La Voz

BARBANZA

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nese mesmo momento acababa de decatarse de todas as cousas que no mundo nos diferencian.

Dun xeito tan sinxelo como saír dun concerto fermoso, no que a vocalista se dirixiu ao público soamente de xeito feminino. Á saída, el dixéralle que o concerto fora impresionante, pero que lle molestara un pouco que só se referise ás mulleres.

E dende aquela segue a darlle voltas todos os días a esta educación patriarcal na que se ve inmersa. Ela tivese calado, estaba acostumada a que os mestres e mestras os tratasen de alumnos, en xenérico. Sacándolle importancia, entidade. Sen rebelarse, porque nos ensinan a ser submisas, a que «sexan cousas de nenos» que un rapaz na primaria lle levante as saias a unha rapaza; a que un mozo lle toque o cu ou os peitos a unha moza no instituto, «simple rozamento», «será que lle gustas», iso é de machotes; pero se elas fan o mesmo, na contra, son unhas lixeiras, non se fan respectar. Porque os homes poden vivir a súa sexualidade como lles pete, e elas deben pensar, antes de sentir, que van ser xulgadas polas miradas deles e delas.

Porque nós, como sexo feminino, temos que aturar que un descoñecido, na rúa ou nunha estada nos cuspa «piropos» que nós non pedimos nin permitimos. Que non poidamos vestirnos do xeito que queiramos, porque se ben a sociedade nos ensina a exhibirnos, a poñernos «divinas» logo, tamén nos fiscaliza por facelo.

Ou porque igual temos que vernos sometidas aos rangos, no traballo, nos estudos, en canto aos nosos intereses, a nivel cultural… pero sempre nun papel moi inferior. Acostúmannos a non rebelarnos, a solucionar cun sorriso incluso as cousas que nos desagradan; ensínannos a evitar conflitos aínda que non sexamos nós quen os provoquemos, e mesmo a sentirnos culpables polos erros dos demais: «Pechaches ben as pernas?», «resistícheste?»

E a seguir caladas dun xeito inefable ante as inxustizas, a non levantar a voz, a agochar a cabeza, a aguantar, a que non se escriba a nosa historia, a ser mulleres, a perder o noso nome, a que non sexamos nós, mulleres, as que escribamos, porque por algunha estraña razón semella que non sabemos ou non podemos facelo, acostumadas a que se poñan en tea de xuízo os dotes de gobernación do sexo feminino. Malia o boa que sexas na túa disciplina, sempre ficará a diferenza, unha diferenza que temos que defender a cada intre, polo medo á outra metade da poboación, polo medo deles, que se reflexa en nós, no noso día a día. Porque sentir pasos ás túas costas e comprobar que é unha muller a que te segue, sempre nos causa alivio e xa é hora de ir mudando as cousas.

Patricia Torrado Queiruga

Licenciada en

Filosofía, museóloga,

xestora

cultural...