Antigo e complexo

BARBANZA

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os coñecementos sobre o pasado arqueolóxico de Galicia están a vivir na última década unha revolución que para min tería dous titulares: cada vez datas máis antigas, cada vez visións máis complexas de cada época. Simplificando moito a explicación, a aparición de novas metodoloxías e tecnoloxías, xunto coa importante apertura internacional dos investigadores, agora viaxados polo mundo e políglotas, axudan a esta pequena revolución da que se cadra aínda non sexamos moi conscientes.

O Barbanza é unha auténtica punta de lanza destes cambios de paradigma, especialmente na Idade do Ferro, a época dos nosos castros. Nun territorio tan pequeno coma o noso, non hai un castro (dos escavados) que conte a mesma historia que os outros. O Neixón fala do encontro con distantes culturas mediterráneas; Baroña da monumentalidade e sofisticación das murallas, así como da paixón galaica pola metalurxia; o Monte da Cidá, de Ribeira, de misteriosos e temperás abandonos cando os castros florecían no resto de Galicia; o Achadizo, en Cabo de Cruz, das conservas de peixe; o de Punta Ostreira da Pobra, do seu depósito de armas único en Galicia; Taramancos, das aldeas galaicas sen murallas; e agora, ese pequeno «castelo» castrexo do século II construído sobre as vellísimas ruínas (800 anos atrás) dunha fortaleza da Idade do Bronce, das primeiras de toda Galicia.

O mosaico barbanzón da Idade do Ferro é tan fascinante como descoñecido para o cidadán. Se cadra agora sexa un bo momento para levar adiante iniciativas que o potencien.