Vaca e boi

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Podemos darlle as voltas que queiramos, pero hai un antes e un despois en calquera dos produtos do campo e do mar galego, a partir do momento no que a Administración comeza a controlar (e garantir) os produtos. Denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas achegan seriedade ao sector agroalimentario.

Por suposto, agricultores e xente do mar están no seu dereito de botar pestes (moitas veces con razón) contra a Xunta, pero todo mellora a partir do momento no que os produtos se controlan e regulan. A etiqueta achega valor desde o minuto un. Estes son feitos, como dirían os ingleses.

Acabo de chegar dun pequeno (pero moi grande) momento histórico: o nacemento institucional da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. Ata agora sucedía algo incomprensible. O vacún maior galego xa é a carne máis prestixiosa do mundo entre gourmets, coñecido nos públicos máis selectos dos locais de Bilbao, Manhattan e París. E non o digo eu en plan chauvinista: poden ver, por exemplo, o documental Steak revolution, de Franck Ribière, en Netflix. E aquí vén o abraiante: nin o negocio da distribución da nosa carne se controla en Galicia nin somos a referencia na súa elaboración final. Por exemplo, a materia prima do Asador Etxebarri, en Biscaia, sexto mellor restaurante do mundo segundo as listas especializadas, vén de poñer na grella chuletóns galegos. Todo o valor (e a maior parte do diñeiro) deste incrible produto fica fóra do país.

Agardemos que a partir de agora todo isto mude. A carne pode crear un gran futuro para o noso campo.