José Castro: Adeus, Cancelas

BARBANZA

O núcleo rianxeiro de Asados despediu a un dos seus veciños máis queridos

27 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como dicía aquel, está morrendo xente que nunca morrera. E aínda que é lei de vida e a todos nos ha tocar, hai mortes que caen coma unha labazada de realidade inesperada e provocan un sentimento de tristeza xeralizada. Onte pasou en Asados, na Marquesa, que perdeu a outro dos seus, pero non un calquera. Onte finou José Castro, o Cancelas.

Hai anos que todo o mundo sabía da súa delicada saúde, porque en sitios tan pequenos todo ou case todo se sabe; había tempo que non se lle vía pola aldea, pero iso non mitiga a tristura. Queda a lembranza doutros tempos, a dun home alegre e falador, forte e inquedo.

Recordo a José sempre a traballar, sempre en movemento, sempre facendo algo. Ata que a falta de saúde o obrigou a parar. E os rapaces da aldea medramos, deixamos de xogar no Outeiro e marchamos; e perdemos de vista ás persoas que, coma o Cancelas, formaron parte da paisaxe da nosa infancia. El gañara ese espazo nas nosas vidas a pulso, porque, aínda sen ondear a bandeira de ningún colectivo nin militar en siglas ningunhas, foi un activista social, deses que non buscan ser protagonistas de nada, pero que están (estaban) aí para facer aldea, para unir á veciñanza arredor dunha fogueira polo San Xoán, por exemplo.

Por iso hai ausencias que pesan máis ca outras. O último adeus a Cancelas será esta tarde. Ás 17.15 horas sairá do tanatorio cara a igrexa de Asados, onde se oficiará o funeral e logo será enterrado no cemiterio parroquial.