Obrigas e dereitos utópicos

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

16 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Reivindicaba onte unha veciña de Noia que os cargos públicos, ademais de gobernar e xestionar, teñen a misión de protexer aos cidadáns e comentaba que ás veces parece que o esqueceran. Nese concepto de protección entran moitas cousas, non só garantir a súa seguridade, senón tamén a prestación de servizos básicos para contribuír á súa calidade de vida e garantir uns dereitos fundamentais que con moita frecuencia quedan en cuestión. Non se equivocaba moito esa noiesa cando reflexionaba sobre os deberes dos responsables políticos porque salta á vista que, a onde non chega a Administración, chega a boa vontade, o traballo e o sacrificio de persoas e entidades privadas, fundadas principalmente por cidadáns que non atoparon nos gobernos unha resposta ás súas necesidades. E nin sequera unha vez que o máis difícil está feito abondan os recursos públicos para poñer eses servizos en marcha.

Acaba de verse coa concesión de novas prazas concertadas na residencia de Amicos, a única que existe na comarca destinada a persoas con diversidade funcional e levantada co esforzo dos integrantes do colectivo. Claro que para iso tiveron axudas públicas, igual que outras asociacións polo estilo que desenvolven un papel fundamental na sociedade barbancesa, pero iso non quita que sen o traballo destes colectivos moitos dos recursos aos que hoxe poden ter acceso moitas persoas non serían posibles. Por desgraza, non é suficiente, porque preto de medio cento de familias están á espera de que a Administración autonómica concerte máis prazas para que o peto de barbanceses que precisan desas prestacións poidan pagalas. Por iso, cada vez que se confirma algún novo concerto con estas entidades se celebra coma un gran logro, porque cada paso cara diante é importante.

Neste ámbito, coma en moitos outros, bótase en falta unha maior implicación dos recursos públicos, ou incluso que fora a propia Administración a que prestara eses servizos. Unha utopía, si, sobre todo nun contexto de recortes en cuestións fundamentais como pode ser a sanidade, pero non por iso deixa de ser algo esixible.

Dicía onte outra muller, esta de Rianxo, que se están perdendo dereitos, ou que se non se conseguen avances neste eido é porque non se loita por eles, porque non se sae á rúa para protestar. E seguramente teña razón. Igual hai que recordarlles aos que mandan as súas obrigas.