As pensións

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

Debería difundirse, profusamente, que o actual sistema de pensións públicas non é un invento da esquerda en democracia, senón da ditadura franquista. Logo afiuzouno Aznar coa súa política económica case liberal ata que apareceu en escena ZP, en que comezou o seu escarallamento sen que a esta falsaria dereita de Rajoy se lle vexan moitas mañas para arranxalo ¡e xa non digamos as perogrulladas do populismo español! Unha apostila, supoño que me admitirán que Franco, neste tema, non tiña motivacións electorais.

Co sistema convivían, complementariamente e en harmonía, como pasa en Suíza e outros países da UE, os plans de xubilación privados flexibles. Coñezo a moita xente da miña quenda, en Ribeira e A Pobra, que lle viñeron moi ben, pero, nestes intres en que a Seguridad Social, con toda lóxica, está en cuestión, os nosos políticos non deberían enganar ás persoas, aínda que soamente fose por respecto á súa liberdade. Non se entende que aínda haxa quen dubide, agás os que succionan do erario, que tampouco son sostibles no tempo os sistemas públicos do ensino e da sanidade co rumbo actual.

Os recortes que xa percibimos non son máis que un adianto da teoría tópica entre o real, o imaxinario e o simbólico, definida polo psiquiatra e psico-analista Jacques-Marie Émile Lacan. É certo, como pregoa Cidadáns (C’s), que en España é prioritario desterrar a corrupción política das administracións, pero niso que non conte coa colaboración da «pinza» coa que se realimentan o PP-PSOE ¡e os nacionalismos!.

¿Alguén entende, senón, de que vive Puigdemont no seu auto-exilio dourado?.