A vida despois de Diana

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

31 ene 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Agora que amainou o furacán mediático que provocou a detención do asasino confeso de Diana Quer e a aparición do seu corpo no fondo dun pozo, quizais sexa o momento de reflexionar cun pouco máis de calma sobre o que iso significou para unha parroquia e un municipio demasiado pequenos como para imaxinar que algo así podería ocorrer tan preto. Aínda que molesta, porque o fai, que se fale desta terra coma dun niño de narcotraficantes e maleantes, non son as repercusións que poida ter no turismo que Asados, Rianxo e Barbanza se coñezan por ser o lugar onde se asasinou a unha moza madrileña a principal preocupación dos veciños. Porque os que vivimos a carón do improvisado plató de televisión que se instalou no pobo o último día do ano pasado quedamos completamente devastados.

Incredulidade, estupefacción, horror e dor. Ese tipo de sentimentos son os que se arremuiñaron en todos (ou a maioría) os veciños de Asados, principalmente, e de Rianxo cando o 31 de decembro espertamos coa imaxe desa nave, pola que temos pasado diante milleiros de veces, nas pantallas dos nosos móbiles. Ninguén podía imaxinar que Diana Quer estaba alí, e a sensación que deixa no corpo o saber que durante tantos meses estivo ao noso carón mentres nós seguiamos coa nosa vida alleos á traxedia da que acabariamos sendo protagonistas involuntarios, e constatar ademais que o responsable de semellante sinsentido era un dos nosos, é indescritible. Quizais unha pluma máis avezada que a miña sería quen de poñelo en palabras, eu non. E creo que ninguén que non sexa veciño do noso pobo é quen de poñerse no noso lugar, porque do contrario moitos non terían soltado as barbaridades que se teñen dito e escrito nas últimas semanas.

O que non sentimos cando todo estoupou foi culpa, a pesar de que en determinados foros se acusara a toda a veciñanza de ser cómplice e encubridora, de ser case tan culpables coma o asasino. As redes sociais teñen ese poder, que calquera poida espetar o que lle pase pola cabeza sen ningunha consecuencia. Ese tipo de comentarios, aos que resulta imposible escapar ante o bombardeo continuo de informacións e opinións relacionadas co asunto, fixo agromar tamén moita indignación nunha poboación que trataba de asimilar o ocorrido, de intentar explicarse como era posible que un veciño máis, coas súas cousas, pero veciño á fin e ao cabo, fora quen de acabar coa vida dunha rapaza.

E da indignación pasouse ao desexo de que todo remate dunha vez, de que marchen as cámaras, de que todo o mundo deixe de falar do mesmo e quedar sós, coa tranquilidade coa que sempre vivimos e cunha pena que non vai desaparecer.