Solsticio

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

22 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días, nos cumios das nosas serras, da Groba a Domaio, de Cotobade ao Xesteiras, do Barbanza ao Pindo e de aí aos montes de Vimianzo, prodúcese un espectáculo silencioso, aínda en gran parte moi descoñecido por todos. Hai máis de seis mil anos, o solsticio de inverno no que estamos estes días xa era unha das grandes celebracións do ano, igual que o é hoxe. Tan importante que deixou pegadas na primeira arquitectura monumental de toda Galicia.

Os corredores de moitos dos nosos dolmens, o da Arca do Barbanza, por exemplo, ou o de Dombate en Cabana de Bergantiños, estaban orientados cara ese momento máxico que era a saída do sol neste final do mes de decembro. A partir deste día, viñan os meses máis duros e fríos, pero tamén pouco a pouco os días facíanse moito máis longos.

Para sociedades sen luz eléctrica, tan dependentes do seu contorno natural inmediato, as transformacións do mundo que viñan marcadas polo ceo eran fundamentais para a vida. De aí naceu a necesidade de contalos a través de mitos e soños. Temos o país cheo destes secretos aínda por descubrir e divulgar.

Na mámoa de Newgrange, en Irlanda, o sol (cando hai sol) entra nestes días ao longo do corredor e ilumina a cámara. Desde hai moitos anos o museo fai unha lotería que ten por premio poder entrar á cámara nestes días de decembro a ver este espectáculo.

O ano pasado vendéronse máis de 35.000 billetes, que se di rápido, destinados á restauración deste monumento. Unha moi boa lección da que se cadra podemos aprender algo.